A Comisión europea prorroga o uso do glifosato 18 meses

[Imaxe redes.org.uy]

Autoriza o seu uso sen restricións mentres Bruxelas agarda por novos informes técnicos.

Malia a oposición popular, ecoloxista e mesmo dalgúns Estados membros da UE como Franza, a Comisión europea vén de aprobar esta cuarta feira (29 de xuño) o uso sen restricións de produtos que conteñen glifosato --un herbicida non selectivo de amplo espectro considerado potencialmente canceríxeno pola OMS. 

A OMS catalogouno como potencialmente canceríxeno para os seres humanos

A decisión adoptada pola Comisión é de carácter temporal (18 meses) á espera de que novos informes técnicos sobre o grao de toxicidade do glifosato embora a Axencia Internacional para a Investigación sobre o Cancro (IARC) o situou na categoría 2A de principios activos considerados como probábeis carcinóxenos para os seres humanos. Pola contra a FAO e a Axencia Europea de Seguridade Alimentar (EFSA) aseguraron que non era tal. 

Finais de 2017

Neste senso, Bruxelas solicitou máis unha avaliación á Axencia Europea de Substancias Químicas (ECHA) que podería demorarse até finais do vindeiro ano. Entretanto, a Comisión dá luz verde para que se continúe comercializando e usando en espazos públicos --para alén da actividade agraria. 

Na Galiza a polémica arredor do uso do glifosato incrementouse nas últimas semanas pola chegada do comboio co que ADIF fumiga as marxes da rede ferroviaria. O tren foi filmado en Curtis (Teixeiro) mentres esparexía este herbicida para impedir que a herba medre nun radio de até 30 metros de distancia das vías. Unha práctica que se repite en estradas e mesmo nas zonas urbanas.