O BNG reclamará un 'plan de choque' para a Atención Primaria nos orzamentos da Xunta

Ana Pontón esta quinta feira en Vilagarcía de Arousa. (Foto: Nós Diario).
A sanidade pública será "un dos cabalos de batalla" do BNG para as contas galegas, como a propia líder nacionalista afirmou esta quinta feira nun acto en Vilagarcía de Arousa

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, avanzou que a súa formación reclamará un plan de choque para reforzar a Atención Primaria, no marco dos Orzamentos da Xunta para 2023, dotado con 200 millóns de euros para contratar máis persoal, e cunha partida específica de 21 millóns a maiores para saúde mental.

A sanidade pública será "un dos cabalos de batalla" do BNG para as contas galegas, como a propia líder nacionalista afirmou esta quinta feira nun acto en Vilagarcía de Arousa, onde se reuniu con profesionais sanitarios e afectados pola situación da primaria na área de Pontevedra-O Salnés.

Este distrito sanitario, sinalou Pontón, é o "km 0 do desastre sanitario do Goberno do PP, incapaz de pór sobre a mesa solucións".

A nacionalista felicitou a veciñanza da comarca pola súa mobilización en defensa da sanidade pública e advertiu de que "non é de recibo que volva haber PACs que non teñen nin un médico".

Sobre precariedade

Ante esta situación, apelou á Xunta a tomar medidas estruturais xa que, considera, "o problema que ten a sanidade pública non é que falten profesionais, é que sobra precariedade".

"Cunha Atención Primaria colapsada é unha auténtica tomadura de pelo que o PP presente uns orzamentos para 2023 que recollen cero euros para máis persoal", incidiu."Ante un PP que quere converter o dereito á saúde nun negocio para a minoría, deteriorando e socavando unha das grandes conquistas sociais como é a sanidade pública", a portavoz nacionalista insistiu na necesidade de "acometer medidas para reforzar o sistema sanitario galego", especialmente a Atención Primaria.