Nova estación na loita de "pór Lugo no mapa dos servizos ferroviarios"

Posto para a recollida de sinaturas a prol do tren, esta quinta feira en Lugo. (Foto: BNG)
O BNG continúa a recoller sinaturas para demandar ás Administracións que garantan unha mobilidade real e sostíbel, pois na actualidade "leva o mesmo tempo ir de Lugo á Coruña en tren e ir de Madrid a Ourense".

Lugo segue a demandar un servizo de tren competitivo e máis agora que o AVE facilita máis a chegada a Madrid que a mobilidade dentro do propio país. Consciente desa problemática, o BNG recala nunha nova estación ao reforzar a campaña Lugo Quere Tren.

Esta quinta feira, 30 de decembro, recolléronse sinaturas entre a cidadanía na rúa da Raíña coa intención de gañar apoio público para levar ás Administracións con competencias unha demanda que vai camiño de ser histórica: "Pór Lugo no mapa dos servizos ferroviarios".

Para o portavoz do grupo municipal do Bloque, Rubén Arroxo, é preciso dar ese paso no ámbito da mobilidade en tren.

Así se remataría "con anos de recortes e eliminacións de servizos que son necesarios" para a veciñanza da cidade. Con certa ironía, Arroxo confesou que ten enviado unha carta aos Reis Magos para pedir que Lugo teña un "tren digno".

Como xa fixera antes noutras comarcas da Galiza, a fronte nacionalista defende agora este medio de transporte como o futuro, apostando así por unha mobilidade sostíbel e un cambio na dependencia enerxética.

"Lugo é a única cidade de Galiza que non ten conexión directa por tren coa capital do país, un agravio que se resolvería cunha obra de 27 quilómetros de vía para conectar as paradas de Curtis e Ordes", comenta Arroxo

"A chegada do AVE a Galiza só supuxo que agora leve practicamente o mesmo tempo a viaxe en tren de Madrid a Ourense e a de Lugo á Coruña", lamentou o portavoz do BNG na cidade. 

Como proba, varios representantes do partido viaxaron entre Lugo e A Coruña esta segunda feira e viron como a viaxe se prolongaba 2.35 horas, dado que se acumulou un atraso de 50 minutos por unha incidencia na vía.

"Lugo é a única cidade de Galiza que non ten conexión directa por tren coa capital do país, un agravio que se resolvería cunha obra de 27 quilómetros de vía para conectar as paradas de Curtis e Ordes creando unha traxecto directo desde Lugo a Compostela", simplificou Rubén Arroxo.