Os bispos só colaborarán co fondo de indemnizacións "se se estende a todas as vítimas de abusos" e non só ás da Igrexa

O secretario xeral da Conferencia Episcopal Española e bispo auxiliar de Toledo, Francisco César García Magán. (Foto: Gustavo Valiente / Europa Press)
A raíz das estimacións do Defensor do Pobo sobre os abusos sexuais no seo da Igrexa, que afectarían até unha de cada cen persoas no Estado español, a Conferencia Episcopal defende que as cifras non son tan elevadas no referido aos seus cregos e pide non estender "unha sombra de sospeita a todos os sacerdotes" porque iso, ao seu xuízo, "é falso e é inxusto".

Os bispos españois aseguran que colaborarán co fondo de compensación recomendado polo Defensor do Pobo, Ángel Gabilondo, para as vítimas de abusos sexuais no seo da Igrexa católica, mais coa condición de que este mecanismo se articule para "compensar todas as vítimas de abusos na sociedade", non só ás da Igrexa. En caso contrario, din que compensarán igualmente as vítimas de abusos relacionadas coa institución relixiosa pero a través dos seus propios mecanismos.

"A Conferencia Episcopal está absolutamente de acordo en que se articulen eses mecanismos de reparación integral para todas as vítimas porque, se é só para as da Igrexa, hai 90% de vítimas que non terían dereito a esa reparación, que quedan excluídas, o cal non parece que se manteña ese principio de igualdade xurídica de todos os cidadáns deste país. Entón, claro que participariamos. Se é só para vítimas da Igrexa xa estamos a traballar desde dentro nesa reparación integral", indicou esta terza feira o secretario xeral da CEE, Francisco César García Magán, após a xuntanza dos bispos españois para analizar o informe do Defensor.

Sobre as extrapolacións da enquisa encargada polo Defensor do Pobo —segundo a cal 0,6% da poboación do Estado español sufriu abusos por parte de sacerdotes e relixiosos, e até 1,13% no ámbito relixioso en xeral—, García Magán advertiu que as enquisas, segundo os técnicos en demoscopia, teñen "unha marxe de erro de máis menos 1%", e salientou que no 1,13% tamén se inclúe persoal laico e membros doutras confesións. Por iso, pediu non estender "unha sombra de sospeita a todos os sacerdotes" porque iso, ao seu xuízo, "é falso e é inxusto".

Ademais, preguntado por encubrimentos de abusos nas dioceses, asegurou que a data de hoxe "non hai ningún bispo formalmente procesado". Neste sentido, o presidente da Conferencia Episcopal Española (CEE), o cardeal arcebispo de Barcelona, Juan José Omella, que o sábado pasado dixo que as cifras extrapoladas por algúns medios son "mentira", insistiu en que "cando unha cousa non coincide" ten que "dicilo".

"Se seguimos as contas matemáticas estariamos todos nesa dinámica dos abusos, vostedes e eu, e iso non está ben feito", apuntou. En todo caso, evitou "andar con reproches" porque "o tema das cifras, ao seu xuízo, "é moi complicado" e "as cifras ao final non levan a ningunha parte" senón que o importante "son as persoas".

"Pedimos perdón e queremos rectificar"

Os bispos comprometéronse a "traballar xuntos por axudar e acompañar as vítimas". "Pedimos perdón e queremos rectificar", abundou Omella, aínda que precisou que, desde que se tomou "conciencia" do problema "en España e en todas partes, os abusos descenderon drasticamente". Así, os bispos mostráronse esta segunda feira durante a reunión —a cuarta asemblea plenaria extraordinaria do episcopado español—, a favor dunha reparación integral a todas as vítimas sen importar en que ámbito produciuse o abuso e non só a nivel económico senón tamén psicolóxico e espiritual.

En concreto, en canto á reparación económica, Omella desexou que "fose unha reparación para todas as vítimas sen que se producise unha discriminación nin positiva nin negativa" e que, se se crea o fondo do Defensor, tamén participen institucións educativas e federacións deportivas. Preguntados por unha falta de colaboración dalgunhas dioceses, Omella puntualizou que no caso da diocese de Eivissa, que "aparece como que non colaborou" no informe do Defensor do Pobo, "o bispo di que ten o acuse de recibo", polo que considera que "seguramente é un erro".

Por outra banda, durante o encontro desta segunda feira, os prelados decidiron adiar até a próxima asemblea plenaria, do 20 ao 24 de novembro, a decisión sobre a encomenda realizada ao despacho de avogados Cremades & Calvo Sotelo, sobre a realización dunha auditoría de abusos sexuais na infancia.

Omella afirmou que tomaron a decisión de pospola porque estaban "cansos ao final do día" tras varias horas de reunión e porque é máis complicado ao ser un encontro no que moitos bispos participaban por videoconferencia. Aínda que durante a asemblea puideron escoitar as razóns do presidente da firma legal, Javier Cremades, que estaba presente na reunión para pedir unha ampliación de prazo, e que non houbo "actitude de división" entre os bispos pois aínda que non son unánimes, defendeu que existe "unión" entre eles.

Aliás, sobre a mellora da formación dos seminaristas, outra das recomendacións do Defensor, Omella apostou por unha formación "integral" aos "rapaces", non só dentro da Igrexa, tamén na dimensión afectivo sexual, pero cre que "non é exacto dicir que como son célibes" son "propensos ao abuso". Neste sentido, o Dicasterio para o Clero convidou aos membros da Asemblea Plenaria para unha reunión da Conferencia Episcopal en Roma, o próximo 28 de novembro. Nesta reunión abordaranse as conclusións do traballo realizado durante a visita aos Seminarios de España ao comezo deste ano e que, segundo Omella, é un informe positivo.