Estes son os 43 centros da Galiza nos que se produciron abusos sexuais no seo da Igrexa

Colexio dos Salesianos de Vigo. (Foto: Google)
O informe do Defensor do Pobo recolle diferentes localizacións como centros educativos, edificios relixiosos parroquiais e domicilios particulares, entre outros, e sinala a "ocultación" de casos por parte da institución católica.

O Defensor do Pobo sinalou 43 localizacións da Galiza —centros educativos, edificios relixiosos parroquiais e domicilios particulares, entre outros— nas que se comunicaron abusos sexuais no ámbito da Igrexa. Así se desprende do Informe sobre os abusos sexuais no ámbito da Igrexa católica que hai un ano e medio encargou o Congreso dos Deputados, e que esta sexta feira o Defensor, Ángel Gabilondo, entregou á presidenta da Cámara Baixa, Francina Armengol.

Este documento recolle a localización dos abusos sexuais no ámbito da igrexa católica que foron comunicados ao Defensor do Pobo durante o período de recollida de información citado, incluíndo todos os casos reportados sen descartar ningunha alegación, e sendo indiferente se estaban comunicados ou non á xustiza civil ou canónica ou se estaban prescritos, arquivados ou resoltos. Por provincias, a de Pontevedra é a que concentra maior número de localizacións —que non ten por que ter relación co número de casos—, 19.

Entre eles, dous campamentos de verán Salesianos —en Vigo e Cambados—, o centro de acollida Teis, en Vigo; e tres domicilios particulares —en ForcareI, O Grove e Pontevedra—. Tamén en edificios relixiosos como o Mosteiro de Acibeiro, en Forcarei; e o Seminario Menor de Caldas de Reis; así como nas parroquias da Guarda, e de Bahíña e de Baredo, ambas as dúas en Baiona.

Aliás, rexistráronse casos no Colexio anexo A Lomba —antes Primo de Rivera— de Vilagarcía de Arousa. E na cidade de Vigo, no Jesuíta Apóstolo Santiago, no Marista O Pilar, no Salesiano María Auxiliadora e no Fogar San Roque. Tamén no colexio Misioneiros Sacro Corazón de Jesús, en Pontevedra; no Instituto 1º de Marzo, en Baiona; e no Internado Salesiano, en Cambados.

Detrás de Pontevedra sitúanse as provincias da Coruña e Ourense, con 10 localizacións cada unha. Na coruñesa, rexistráronse casos no colexio Marista Cristo Rei, nas Fillas de Jesús (Jesuitinas), en Marista, en Salesiano, na Congregación Mariana (Luíses e Kostkas), na Igrexa da nosa Señora do Perpetuo Socorro e nun domicilio particular.

A capital da Galiza, pola súa parte, notifica dúas localizacións: o colexio La Salle e o colexio Salesiano. Na provincia de Ourense, o informe do Defensor do Pobo recolle casos no colexio Marista de Santa María, no Salesiano María Auxiliadora, no Seminario Maior Divino Mestre e en dous domicilios particulares.

Tamén no Mosteiro de Xunqueira de Ambía e no de San Clodio, en Leiro; así como nas parroquias de Avión e Seixalbo; e nun estabelecemento hostaleiro do Carballiño.