O DOG oficializa a declaración BIC da Biblioteca de Emilia Pardo Bazán

Emilia Pardo Bazán no seu escritorio.
Meirás conta xa con tres BIC, á espera do xuízo pola titularidade dos elementos que están no seu interior.

A Biblioteca de Emilia Pardo Bazán, no interior do pazo de Meiras, no concello de Sada, conta desde esta cuarta feira coa declaración Ben de Interese Cultural (BIC).

A publicación do Diario Oficial da Galiza (DOG), oficializou este recoñecemento, "do valor cultural e a protección e salvagarda" dun total de 10.855 volumes, segundo explica a Xunta. Deste exemplares, 7.883 están a ser custodiados pola Real Academia Galega (RAG), mentres que os 2.972 restantes atópanse no interior de Meirás.

O decreto da declatación BIC destaca a “singularidade e carácter único” das pezas que conforman a biblioteca, que cualifica como "colección esencial", polo duplo feito de ser obra da propia escritota galega como polas achegas das interaccións que mantivo con outros autores e autoras da época.

A gran maioría das obras recollidas son primeiras edicións e manuscritos adicados persoalmente a Emilia Pardo Bazán. O datado dos volumes vai desde o século XVII até comezos do XX, e integra obras universais en galego, castelán e francesa. A maiores, algunhas das obras contan con subliñados e anotacións que os converten en únicos.

Tramitación da declaración BIC

A tramitación da declaración Ben de Interese Cultural comezou en novembro de 2020 coa incoación do expediente.

Neste tempo, institucións como a RAG, o Consello de Cultura Galega (CCG), a Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario e a Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña emitiron informes favorábeis. A Xunta destaca que a tramitación non recibiu ningunha alegación en contra.

Durante todo 2021 tiveron lugar máis de medio cento de actividades académicas e culturais para
"achegar a figura de Pardo Bazán a todos os públicos no marco do seu centenario".

Tres BIC en Meirás

Con esta nova incorporación, Meirás conta xa con tres Bens de Interese Cultural. O propio pazo está cualificado coa categoría de sitio histórico desde 2008.

Posteriormente, en 2019 recibiron este recoñecemento as nove estatuas da portada exterior do Pórtico da Gloria, das que dúas atópanse no interior do edificio.

Mentres o xuízo pola titularidade dos bens de Meirás non teña lugar, o Goberno galego e o Estado español seguen a negociar un convenio para ampliar a catalogación BIC a outros elementos que se atopan no interior do pazo.