Inician unha campaña para que se declare BIC o Museo Carlos Maside

Colectivos culturais publican un manifesto e urxen a Xunta para que defenda o inmóbel e as obras que garda no seu interior.
O Museo Carlos Maside (Nós Diario).
photo_camera O Museo Carlos Maside (Nós Diario).

Varios colectivos, entre eles a Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo, iniciaron unha campaña para instar á Xunta a que declare como Ben de Interese Cultural (BIC) tanto o continente como o contido do Museo Carlos Maside de Sada.

Unha das primeiras iniciativas foi dar a coñecer un manifesto que parte de máis dun milleiro de sinaturas de todo o país. No documento sinalan "o lamentábel abandono desta infraestrutura cultural de incalculábel valor, que alberga obra de Castelao" e demandan rematar o proceso para a súa protección patrimonial. 

No texto lembran, ademais, que esta petición xa se fixo en 2016 sen que se atendera esta demanda a día de hoxe. 

Informes mais non actuacións

Segundo estes colectivos, a Xunta confirmou en 2018 que estaba a elaborar estudos sobre esta problemática e o propio Consello da Cultura Galega emitira outro informe, mais sen ningún tipo de consecuencia para a conservación do inmóbel nin das obras de arte que contén polo que denuncian "unha clara pasividade e deixación de funcións na preservación do noso patrimonio cultural".

Por este motivo exixen "que se incoe con carácter inmediato o expediente de  declaración BIC  do museo, que sería un  primeiro paso para a  súa protección e conservación, hoxe en  perigo". 

Crear unha asociación

Ademais de continuar polas canles oficiais e difundir o manifesto polas redes sociais para que teña seguimento, os colectivos cren que sería de utilidade crear unha "asociación de amigos do Museo Carlos Maside" coa que protexer este patrimonio. 

Caso de que se aprobara a declaración de BIC, a actual empresa estaría obrigada a escindilo do espazo afectado a súa actividade industrial e comercial. Ademais, abriría ao público, permitindo a xestión profesional das instalacións polo medio dos técnicos museísticos.

Comentarios