Crise dos pellets

O voluntariado galego prepara novas accións de limpeza: que debo saber para axudar?

Á esquerda, Bibiana Lorenzo; á dereita, pellets de plástico localizados nunha praia galega esta semana. (Fotos: Nós Diario | Adrián Irago/Europa Press)
Acudir por conta propia a unha praia pode acabar provocando danos ao ecosistema, alerta a activista Bibiana Lorenzo.

Os pellets de plástico que o pasado 8 de decembro perdeu un buque cargueiro fronte ao litoral de Viana do Castelo, en Portugal, continúan a chegar por miles ás praias de toda Galiza. A resposta da sociedade galega, máis unha vez, foi rápida -máis que a da propia Administración- e non tardaron en organizarse os primeiros grupos de voluntarias e voluntarios para limpar os areais deste produto.

A activista Bibiana Lorenzo é unha delas e recentemente participou na formación de coordinadoras impartida pola asociación ecoloxista Adega en Carballo. En colaboración co Grupo Naturalista Hábitat e outras entidades, entre elas este mesmo Concello -que facilitará os medios necesarios e un colector de obra para depositar os residuos-, organizarán durante a fin de semana accións de limpeza coordinadas. Están previstas diferentes actuacións en praias da Coruña, Carballo, Oleiros e outros na Costa da Morte.

Porén, as boas intencións non abondan para botar unha man e é preciso seguir unha serie de recomendacións antes de acudir a un areal a retirar estes microplásticos, pois o contrario podería causar un efecto adverso. "É moi importante a coordinación, porque se non podemos atoparnos a moitas persoas acudindo á mesma praia e isto podería ocasionar un impacto aos ecosistemas", alerta Lorenzo, en conversa con Nós Diario.

A principal advertencia para quen queira colaborar é que pregunte polas accións previstas ás organizacións convocantes: Hábitat, Adega, Limpocean e Senda Nova. As persoas voluntarias repartiranse entre os diferentes lugares, pois tamén é importante "pisar o mínimo posíbel" os areais, nomeadamente aqueles con gran riqueza natural que poderían quedar estragados.

Preguntada polos até 300 efectivos que prevé despregar o Goberno galego para limpar unha liña costeira que alcanza os 1.500 quilómetros, Bibiana Lorenzo afirma que, nun escenario como este, "toda axuda é boa", se ben aprecia que un maior número de persoas contribuiría positivamente a eliminar os plásticos. Neste senso, fai tamén fincapé na importancia de "investir máis en prevención".

Medidas de protección

Un segundo informe sobre a seguridade dos pellets plásticos que elaborou o Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (Cetim), a partir de catro documentos técnicos que lle remitiu a Xunta da Galiza, conclúe que "non é unha substancia ou mestura perigosa", de acordo coa normativa europea. Porén, si fai advertencias específicas para que se evite, en caso de vertedura accidental, "a formación de po".

"Indícase non inhalar o po, evitar o contacto coa pel, os ollos e a roupa cando se proceda á limpeza da vertedura", engade, para seguidamente recomendar o emprego de lentes de protección e luvas. Estas son algunhas das liñas que recolle este documento que, con todo, aínda non estudou a composición dos produtos en si.

Limpeza en Muros

Por outra parte, o Concello de Muros vén de notificar que xa dispón de 50 traballadores locais contratados pola aseguradora da empresa armadora para a limpeza, sendo o primeiro municipio en alcanzar un acordo coa compañía. Ademais, o consistorio pídelle á veciñanza que non acceda aos areais para facilitar a retirada dos pellets de plástico. "Ante a inacción do resto das administracións decidimos buscar nós unha solución, todas as praias do concello están afectadas", sostén a alcaldesa, María Lago.