Bertín, Jesulín e agora Esperanza Aguirre: a TVG enche a súa programación con abandeirados do españolismo político e cultural
A TVG consolida unha liña de programación baseada na exaltación de perfís mediáticos vencellados ao españolismo político e cultural, cunha aposta reiterada por figuras como Bertín Osborne, Jesulín de Ubrique ou, agora, Esperanza Aguirre.
A CRTVG vén de despregar valados publicitarios para promocionar A miña gran cidade – Corazón galego, un programa emitido as segundas feiras en prime time na TVG xusto despois do Land Rober. A campaña urbana coincide coa emisión de novos capítulos protagonizados por Esperanza Aguirre, ex presidenta da Comunidade de Madrid, e consolida unha estratexia de visibilidade que transcende a pantalla para ocupar espazos públicos nas principais cidades galegas. O primeiro dos episodios protagonizados pola ex mandataria popular, acompañada por Silvia Jato, emitiuse esta semana, e o segundo está programado para a vindeira segunda feira, 19 de xaneiro.
A elección de Aguirre como convidada xerou unha onda de críticas nas redes sociais, tanto pola súa traxectoria política —marcada pola defensa do franquismo, o cuestionamento da calidade democrática e a súa vinculación a casos de corrupción como a Operación Lezo— como polo que moitos espectadores consideran unha utilización partidista e ideolóxica dos medios públicos. Comentarios que van desde o rexeitamento frontal até a retranca cuestionan que a TVG dedique recursos e espazo a este tipo de perfís alleos á realidade social e cultural galega.
Esta polémica chega despois da emisión dos capítulos protagonizados por Bertín Osborne, nos que se reproduciron comentarios machistas e sexualizados dirixidos á presentadora Eva Iglesias, xerando incomodidade nunha parte da audiencia. Malia as críticas, a CRTVG non só mantivo o formato senón que reforzou a súa promoción, ampliando agora a campaña a valados publicitarios.
A miña gran cidade – Corazón galego caracterízase por un elenco recorrente de figuras mediáticas asociadas ao españolismo cultural, como Jesulín de Ubrique, Terelu Campos ou Boris Izaguirre. Unha aposta que, segundo as críticas, constrúe unha imaxe folclorizada e superficial do país, afastada dunha visión plural e crítica da realidade galega, ao tempo que consolida un modelo de entretemento que normaliza a presenza do español nos medios públicos galegos e que moitos consideran impropio.

