A crónica

As audiencias da TVG, un problema de Rueda mais tamén para Galiza

A Televisión da Galiza (TVG) comezou 2026 coa mesma tendencia de 2025. Se fechou o ano pasado rexistrando os seus mínimos históricos de audiencia, as cifras desta semana avanzan unha caída maior para a anualidade que entra. O equipo de Concepción Pombo é cada vez máis cuestionado desde as filas populares.

20251219_CRTVG_-102
A directora xeral da Corporación de Servizos Audiovisuais da Galiza (CSAG), Concepción Pombo, no Parlamento galego. (Foto: Arxina)

A agresión militar dos Estados Unidos contra Venezuela do pasado sábado 3 de xaneiro é sen dúbida ningunha a nova da semana, seguramente do mes, probabelmente do ano e quizais das máis relevantes da década. Mentres a práctica totalidade das canles xeneralistas con presenza na Galiza responderon a esa realidade informativa cunha programación especial, a TVG mantivo os seus contidos habituais, o que provocou un éxodo de espectadores e espectadoras, rexistrando  o domingo 4 unha cota de pantalla de 5,4%, un dos 20 peores datos de audiencia da canle pública en toda a súa historia.

As cifras de audiencia da TVG nestes primeiros días de 2026 volveron levantar as alertas nas filas populares. Así, na última semana, a canle pública galega non superou en ningunha xornada o 8% de cota de pantalla, ficando moi lonxe do 9,5% alcanzado no mesmo mes do ano pasado e deixándose neste período 15,7% da súa audiencia. Mentres desde a dirección da Corporación de Servizos Audiovisuais da Galiza (CSAG) trasladan ao equipo de Alfonso Rueda que son uns datos conxunturais debidos a unha casuística concreta, estes dubidan cada vez máis das explicacións do equipo de Pombo, quen non é quen de inverter a tendencia iniciada por Alfonso Sánchez Izquierdo.

A canle pública galega fechou 2025 en mínimos históricos. Tal e como avanzou Nós Diario, a TVG rematou o ano cunha cota de pantalla de 8,4%, o que representa unha caída de dúas décimas en relación con 2024, converténdoa na cuarta cadea xeneralista do país, por detrás de Antena 3, cun share de 12%; de La 1, con 9,8%, e de Telecinco, con 8,8%. Ao tempo, rexistrou a audiencia máis envellecida de todas as cadeas, superando os 65 anos de idade máis de 62% da mesma, concentrándose arredor de 46% dos seus espectadores nos concellos de 10.000 habitantes, o que a converte nun medio con escaso peso entre as persoas menores de 45 anos e nas urbes.

O actual equipo directivo da CSAG, encabezado por Concepción Pombo, e con anterioridade o de Alfonso Sánchez Izquierdo, explica a caída de audiencia e a súa composición pola baixada do consumo televisivo entre a mocidade e incide en que nunca se recuperarán as audiencias de hai unha década. Porén, como sinalan a Nós Diario fontes populares, os informativos doutras canles, como TV3 en Catalunya, ETB en Euskadi ou Aragón TV en Aragón, superaron o ano pasado ano cotas de pantalla de 23%, fechando a canle pública aragonesa 2025 en máximos históricos de audiencia.

O futuro da canle

A perda de influencia da TVG nas sete cidades e a súa práctica irrelevancia entre a poboación menor 45 anos preocupa, e moito, entre o aparato popular. Neste sentido, as fontes consultadas do PP apostan por máis contidos de entretemento e por novos formatos para inverter a tendencia, sen mudar a liña seguida nestes últimos anos. A este respecto, o persoal da canle pública dá por feita a externalización de novos programas, entre os que se podería atopar o Galicia por Diante da fin de semana, da Radio Galega, continuando o camiño iniciado coa supresión do deportivo Ao Contraataque e a súa substitución por A Penaltis.

As organizacións sindicais presentes no Comité Intercentros da CSAG e colectivos como Defende a Galega consideran que detrás da externalización da programación se agocha a vontade por controlar os contidos e a liña informativa. A esta mesma intención vinculan a decisión da empresa  de designar directamente os tribunais de selección de persoal temporal sen contar coa proposta previa da Comisión de Xestión das Listaxes de Contratación Temporal. Precisamente, a pasada cuarta feira este xornal deu a coñecer unha sentenza do Tribunal Supremo que declaraba ilegal esta práctica.

As baixas audiencias da TVG son un problema para Rueda mais tamén para Galiza, na medida en que impiden que conte cuns medios con vocación de servizo público e que actúen como panca para a normalización e a calidade da lingua.

Comentarios