Bancos de alimentos: entre o alivio e a urxencia

Voluntarios organizan os lotes de produtos no Banco de Alimentos Rías Altas da Coruña (Arxina).
Os bancos de alimentos reciben a diario a chamada de emerxencia de ducias de familias lastradas pola falta de ingresos. O coronavirus agravou a deterioración do mercado laboral e a falta de oportunidades temporais. Sen traballo e cuns gastos fixos aos que hai facer fronte, a axuda alimentaria convértese nun alivio para moitas usuarias. Para outras é unha saída forzosa. Todas contan co aval dos servizos sociais, cuxas traballadoras reclaman medidas estratéxicas fronte a pobreza no canto das alternativas asistencialistas que afianzan a invisibilidade da situación real.

A crise sanitaria provocada pola pandemia de coronavirus derivou nunha crise económica e social profunda cuxa recuperación, coincide a comunidade experta, pasa inevitabelmente pola mellora da saúde. 

Porén, o impacto da Covid-19 esténdense máis aló do ámbito sanitario. A epidemia colidiu de cheo cun mercado laboral que trataba de deixar atrás un período de recesión, cuns servizos públicos para os que tanto a sociedade como os colectivos profesionais viñan reclamando maior investimento e cuns sectores produtivos magoados, tamén, pola anterior crise económica.

O coronavirus provocou en poucas semanas a destrución de miles de postos de traballo. Malia o restabelecemento parcial da actividade, o goteo de feches, despedimentos e renuncias non cesa. Este prexuízo veu limitar aínda máis a perda de poder adquisitivo das persoas asalariadas galegas, unha tendencia que confirman os rexistros oficiais do Instituto Galego de Estatística e que agudiza a desigualdade e a exclusión social.

Caen as rendas de traballo

Segundo deu a coñecer a primeiros deste mes de decembro o organismo público, o auxe das rendas de capital fronte as rendas de traballo consolídase na Galiza.

Na última década, as rendas de traballo volveron perder peso no conxunto do territorio. A 31 de decembro de 2019 representaban 44,1% do Produto Interior Bruto (PIB), case catro puntos menos que en 2009. Pola contra, as rendas de capital supuñan entón 52% do PIB galego fronte a 55,9% de 2019. 
A desigualdade aumenta de maneira máis acusada na Galiza que no conxunto do Estado español ao tempo que a recuperación do poder adquisitivo do colectivo de traballadores é moi inferior, advirten os datos. Os salarios caeron de maneira consecutiva entre 2009 e 2014 até sumar unha baixada de 11,3% e a súa alza a partir de 2015 foi inferior á da media estatal. Así, desde 2015 até 2019 os salarios aumentaron na Galiza en 15,6%, mentres que o incremento no  conxunto do Estado foi de 20,4%. 

A fenda salarial faise máis profunda. A pobreza e o risco de exclusión social aumentan, como indican diferentes informes sobre o estado da cuestión na Galiza, especialmente entre os grupos máis vulnerábeis: mulleres, crianzas e xente moza. Con todo, a experiencia dos servizos sociais e das entidades voluntarias que traballan a diario cos colectivos en risco destacan novos perfís.

"Unha gran porcentaxe das familias que acoden ao Banco de Alimentos Rías Alatas da Coruña, a través dos entes colaboradores, son familias con nenos, das que só traballa unha persoa a cambio dun salario moi reducido", explica a Nós Diario Lorena Negreira, vicepresidenta da entidade. "O pouco que ingresan destínano a pagar a hipoteca e outros gastos fixos porque non lles dá para máis", aclara.

Entre o apuro e o acougo

Os bancos de alimentos da Galiza rexistraron desde o inicio da pandemia un incremento de demanda de entre o 20 e o 50%. Desde os dous centros loxísticos que xestiona o voluntariado da Coruña atenden na actualidade un 23.000 usuarios en colaboración con máis de 180 organismos sociais.

Durante o estado de alarma sumamos unhas 3.000 persoas como usuarias fixas e mantivemos arredor de 5.000 como usuarias puntuais. Moitas xa puideron volver ao traballo e outras acabaron por regresar con parte da familia", detalla, un reagrupamento que ás veces permite prescindir esta axuda alimentaria, e outras obriga a reclamala. 

Neste sentido, Lorena Negreira expón o caso de persoas maiores que volveron acoller os fillos na casa, "anciáns con pensións de 300 euros que non poden facer fronte a todos os gastos e coidados, ou igual que moitas familias monoparentais, sobre todo de formadas por mulleres".

[Podes ler a reportaxe completa no Nós Diario en papel, que podes atopar nos quioscos e puntos de venda habituais ou na loxa. Se aínda non es subscritora ou subscritor, podes sumarte aquí]