As rendas do capital representan xa 55,9% do Produto Interior Bruto

A desigualdade social dispárase na Galiza

A desigualdade non deixou de medrar na Galiza na última década. Os datos ofrecidos polo Instituto Galego de Estatística (IGE) indican que a porcentaxe das rendas do traballo continúa a caer no país, aumentando a fenda co conxunto estatal e agudizando a perda de poder adquisitivo das maiorías sociais.
A desigualdade aumenta de maneira máis acusada na Galiza que no conxunto do Estado. (Foto: E. Parra / Pool / Europa Press)
photo_camera A desigualdade aumenta de maneira máis acusada na Galiza que no conxunto do Estado. (Foto: E. Parra / Pool / Europa Press)

A perda de peso das rendas do traballo fronte ás do capital non deixan de medrar na Galiza. Segundo o estudo que fixo público esta semana o Instituto Galego de Estatística (IGE), as rendas do traballo representaban na Galiza, a 31 decembro de 2019, 44,1% do Produto Interior Bruto (PIB), practicamente catro puntos menos que en 2009, ano da chegada á Presidencia da Xunta de Alberto Núñez Feixoo. Naquela altura, as rendas do capital ocupaban 52% do PIB galego, fronte a 55,9% de 2019, nunha mostra da perda de poder adquisitivo das persoas asalariadas galegas, que seguen a situarse nos niveis máis baixos do conxunto estatal. 

O estudo, presentado polo Instituto Galego de Estatística o pasado 1 de decembro, certifica o aumento da fenda salarial entre a Galiza e o Estado español. Así, o IGE sinala que en 2019, a remuneración salarial por hora traballada na Galiza situábase en 18 euros, mentres no conxunto estatal alcanzaba 20,3 euros e na media da Unión Europea, 23,8 euros. Sendo en 2009 a contía da hora traballada na Galiza de 15,7 euros, a suba dos salarios na última década é de 2,3 euros, unha cifra moi inferior á da inflación acumulada no período, o que dá conta, ao tempo, da diminución do poder de compra dos traballadores e das traballadoras, que só se mantivo co recurso ao endebedamento.

Privatización

A caída das rendas do traballo non é un fenómeno exclusivo da Galiza. Fai parte dunha tendencia xeneralizada nas economías dos centros capitalistas desde a restauración neoliberal de comezos da década dos 80. Neste sentido, a economista Carmen Vizán considera que as causas desta situación se derivan, entre outros factores, dos “procesos de privatización das actividades produtivas desenvolvidas no sector público e da desregulación dos mercados”, da “crecente liberalización internacional dos mercados de produtos, de traballo e de capital”, da “intensificación dos procesos de concentración empresarial” e da “tendencia á financeirización da economía”.

A xestión dos poderes públicos da coñecida como gran recesión agudizou o proceso. A este respecto, o profesor de Economía da Universidade Autónoma de Madrid Ignacio Álvarez Peralta destaca que “o recurso á desvalorización interna por parte dos Gobernos europeos como instrumento para facer fronte á crise provocou unha redución sen precedentes dos salarios”. Ao tempo, apunta a que “as sucesións de reformas laborais inspiradas na doutrina neoliberal supón a existencia dunha relación negativa entre salarios e emprego, que se concreta nunha redución do peso dos salarios na renda nacional e por conseguinte nun aumento da pobreza e da desigualdade”.

A propia Organización Internacional do Traballo (OIT) ten responsabilizado da perda do poder adquisitivo dos salarios as diversas reformas laborais executadas polos Executivos de José Luis Rodríguez Zapatero e Mariano Raxoi. Así, nun informe elaborado en 2016, afirma, en relación ao Estado español, que “a menor densidade sindical, a desregulación laboral, o deterioro da lexislación protectora do persoal traballador así como a perda da centralidade da negociación colectiva na fixación dos salarios estaría debilitando a capacidade dos traballadores e das traballadoras para obter salarios acordes coa produtividade”.

Tomas Pikkety, no clásico O Capital século XXI, escribe que a relación entre as rendas do capital e do traballo é o principal termómetro para medir as desigualdades sociais. Segundo o economista francés, “o aumento sostido na participación das rendas do capital no PIB permite explicar en gran medida o pronunciado aumento da desigualdade na distribución persoal da renda do mercado (antes de impostos e gasto público), que se observa na maioría dos países nas últimas décadas, o que formula enormes retos no terreo da cohesión social”. Nuns termos semellantes, tense manifestado o economista serbio Branko Milanovic, quen advirte das implicacións macroeconómicas desta tendencia, polos seus efectos na caída do consumo.

A desigualdade aumenta de maneira máis acusada na Galiza que no conxunto do Estado español ao tempo que a recuperación do poder adquisitivo das e dos traballadores é moi inferior. Segundo os datos fornecidos polo IGE, os salarios caeron na Galiza de maneira consecutiva entre 2009 e 2014 até sumar unha baixada de 11,3% e a súa alza a partir de 2015 foi moi inferior á da media estatal. Así, desde 2015 até 2019 os salarios aumentaron na Galiza en 15,6%, mentres no conxunto do Estado o incremento foi de 20,4, feito que agudiza aínda máis a fenda salarial.

Comentarios