Un banco indemnizará polas vivendas dunha promotora no Porriño

As vivendas da Promotora Paseo Marítimo no Porriño (Foto: Nós Diario).
O importe das vivendas que a Promotora Paseo Marítimo do Porriño cobrou sen entregar será devolto por unha entidade bancaria, segundo sentenza do Tribunal Supremo.   

O Tribunal Supremo (TS) deu a razón a dúas persoas afectadas polo Promotora Paseo Marítimo que presentaran denuncia e ditou que un banco terá que pagarlles o total da indemnización dunhas vivendas que non lles chegou a entregar no municipio do Porriño porque a empresa acabou desaparecendo.

A compañía demandada en cuestión tiña proxectado construír un total de 147 vivendas que deberían adxudicarse ás persoas compradoras no ano 2008.

Así, os adquirentes dos inmóbeis realizaron os pagos correspondentes no tempo estabelecido, mais as vivendas nunca foron entregadas porque a promotora declarouse en concurso de acredoras en 2011.

No que respecta á empresa, non contratara garantía para protexer as cantidades afectadas, cuxo respaldo é obrigatorio por lei. Diante disto, as persoas particulares presentaron varias demandas fronte á entidade bancaria que recibiu nas contas abertas a nome do promotor (na actualidade, Unicaja Banco S.A.) o diñeiro de quen compraba no seu momento.

Desta maneira, segundo indicou nun comunicado o bufete O Defensor da túa Vivenda, que levou a defensa das persoas compradoras neste caso, o Supremo determinou nunha sentenza ditada o pasado 18 de outubro de 2021, que o banco debe pagar 91.637,16 euros, ao que hai que sumar os intereses legais desa cantidade desde a reclamación xudicial até as custas procesuais. 

Evitar a perda do poder adquisitivo

Unha das avogadas da entidade demandante, Alexandra Parente, incidiu na importancia deste fallo xudicial que se deu a coñecer agora, ao evitar "a perda de poder adquisitivo de quen compra" porque permite a acumulación de intereses e así as persoas  afectadas no seu momento perciben agora coa indemnización unha cantidade equivalente á que entregaron no seu momento ao promotor, máis os beneficios legais que lles xeraría esa contía.

A modo de exemplo, a letrada explicou que, tomando como referencia unha cantidade de 1.000 euros, esta tería un valor moi inferior no 2020 que no 2008, "polo que as compradoras ou os compradores non deben renunciar aos rendementos" que lles xerarían as achegas que realizaron no seu momento até o día de hoxe.