Gráficos

A Xunta fixa 2023 como "ano da vivenda pública" após promover nunha década a metade que PSdeG e BNG en catro anos

A conselleira Ángeles Vázquez pon como obxectivo erguer 1.200 vivendas deste tipo o próximo ano após impulsar desde 2009 só 5.752.
Bloques de vivendas nunha rúa céntrica de Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Bloques de vivendas nunha rúa céntrica de Compostela. (Foto: Nós Diario)

A conselleira responsábel do departamento de Vivenda da Xunta, Ángeles Vázquez, apuntou esta quinta feira ao 2023 como "ano chave para a promoción de vivenda pública", para o que a Administración fixará o obxectivo de impulsar 1.200 novas vivendas públicas, mil delas de nova construción e 200 rehabilitadas.

As forzas da oposición, porén, cualificaron de "propaganda" o seu anuncio, referido tamén ás iniciativas que desenvolverá a súa consellaría en materia de medio ambiente e ordenación territorial, como promover a primeira Lei de arquitectura da Galiza ou a Lei de ordenación do litoral, recorrida ante o Tribunal Supremo.

O orzamento da consellaría de Ángeles Vázquez ascenderá en 2023 a 533,5 millóns de euros, nunhas contas que, ao xuízo do deputado do BNG Luís Bará, "responden a un raquitismo político e orzamentario". "Nalgún municipio vense informando desde hai oito anos das mesmas vivendas", engadiu.

De feito, desde que o Partido Popular voltou ao poder na Galiza en 2009, os sucesivos gobernos de Alberto Núñez Feixoo até 2021 ergueron no conxunto do país un total de 5.752 vivendas baixo réxime de protección, segundo datos do Instituto Galego de Estatística (IGE).

Porén, esta cifra resulta considerabelmente baixa tendo en conta que só durante os catro anos de Goberno de coalición PSdeG-BNG construíronse 11.602 vivendas públicas.

O Goberno de coalición destinou 177,81 millóns ás partidas para a construción e promoción de vivendas públicas, isto é, unha media de 44,45 millóns anuais. Desde que o PP retornou ao poder hai doce anos, investíronse 159,31 millóns de euros para construír vivendas en réxime de protección, o que supón un gasto de perto de 13,27 millóns por ano.

E tamén na década de 1990 —cando o IGE comezou estudar estes parámetros— tamén se construíron máis vivendas protexidas que no mandato de Núñez Feixoo,con até 28.188.

Comentarios