O baleirado dos encoros incrementou a presenza de toxinas e contaminou as augas

No encoro de Salas inzan as cianobacterias, unhas toxinas que impiden a entrada do sol e provocan a morte dos seres vivos (Foto: Ecoloxistas en Acción).
Ecoloxistas denuncian o inzamento de cianobacterias na presa de Salas. As presas da bacía Miño-Sil están a 41% da súa capacidade, dez puntos menos que a media da última década.

O pasado verán estivo marcado polo baleirado masivo da meirande parte dos encoros galegos, nomeadamente os que conforman a bacía do Miño-Sil. Nun momento no que o prezo da electricidade marcaba rexistros históricos, empresas como Iberdrola e Naturgy desaugaron as súas presas para maximizar os seus beneficios, ao ser a enerxía hidroeléctrica a máis barata de producir.

As consecuencias desta práctica comezan agora a ser perceptíbeis en encoros coma o de Salas, no concello de Muíños. Ecoloxistas en Acción denuncia que se está a producir un proceso de eutrofización nas súas augas, que hoxe ocupan apenas 25% da capacidade total desta presa.

"Isto acontece por mor da cota paupérrima de auga que ten o encoro. Concéntrase unha gran carga de nitratos que provoca un aumento de cianobacterias, que son toxinas que non deixan pasar a luz solar e a auga encorada queda sen oxíxeno, polo que morren todos os seres vivos", sostén, en declaracións a Nós Diario o portavoz da organización, Alberto Riveiro.

Neste senso, salienta que nas presas da Galiza hai "unha gran presenza de especies acuáticas ameazadas" coma o espiñento, o furapresas, a toupa acuática ou a margaritífera. Esta última, explica Riveiro, é un bivalvo tamén coñecido como "mexillón de río" que ten unha función esencial nos encoros, filtrar e depurar as augas para oxixenar os sedimentos e ofrecer unhas condicións axeitadas para que determinados peixes poidan deixar os seus ovos. Este animal é moi común en Belesar, e a súa presenza garante a boa calidade da auga. Sen o mexillón de río, esta diminúe.

A contaminación das augas por mor das cianobacterias tamén supón un perigo para a saúde humana. Alberto Riveiro lembra que no encoro das Cunchas se prohibe o baño "con certa frecuencia", cando as toxinas alcanzan niveis demasiado elevados.

Outra das consecuencias negativas do baleirado dos encoros é, naturalmente, a escaseza de auga para sufocar incendios. "Encoros coma As Cunchas ou Salas están hoxe impracticábeis, non poderían abastecer un hidroavión. E non é a primeira vez que se producen lumes nestas datas, cómpre estar previdos", argumenta.

Denuncia ante a Fiscalía por delitos ambientais

Os colectivos ambientalistas xa viñan advertindo nos últimos meses do risco de baleirar de forma masiva os encoros, cuxas consecuencias son hoxe visíbeis en Salas ou As Cunchas. De feito, a finais de setembro Adega presentou unha denuncia na Fiscalía para investigar o seu modo de proceder e as supostas neglixencias cometidas.

No escrito, a asociación ecoloxista alertaba da posíbel comisión dun delito contra a protección da fauna e a flora, e outro polos danos ocasionados á calidade das augas e a fauna acuática.

O Goberno galego, así mesmo, tería incorrido presuntamente nun delito de "prevaricación por omisión", xa que recibira un aviso de Iberdrola semanas antes advertindo da súa intención de baleirar os encoros.

A bacía Miño-Sil, por baixo da media dos últimos dez anos

Os encoros que conforman a bacía do Miño-Sil están hoxe a 41% da súa capacidade, doce puntos menos que o ano pasado a estas alturas e dez por baixo da media dos últimos dez anos.

As presas de maior envergadura deixan as cifras máis preocupantes, cun 28% de auga encorada en Belesar e 15% en Portas. Os dous encoros abranguen máis dun terzo da capacidade total desta cunca hidrográfica. Dos 25 embalses, só o de Cachamuíña mellora os rexistros.