Feixoo cualifica de "broma" os avisos sobre os desembalses

A Xunta non considera comunicacións formais os faxes que a empresa enviou á Consellaría de Medio Ambiente e ao 112 (da Consellaría de Presidencia) avisando da súa intención de baleirar encoros.
O presidente Alberto Núñez Feixoo, na reunión do Consello da Xunta (Foto: Arxina)
photo_camera O presidente Alberto Núñez Feixoo, na reunión do Consello da Xunta (Foto: Arxina)

Pese a que Iberdrola comunicou á Xunta en xuño e xullo a súa intención de baleirar os encoros Cenza e As Portas, o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, defende que o seu Executivo non foi avisado formalmente e que "dixo sempre a verdade", sostendo que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) "non pediu autorización nin comunicou o baleirado". 

Así, o presidente defendeu o expediente sancionador aberto pola Consellaría de Medio Ambiente contra as empresas e a CHMS por non notificar formalmente e pedir permiso á Xunta para proceder aos desembalses.

Na rolda de prensa posterior á reunión do Consello do Goberno galego, Feixoo foi preguntado precisamente polas informacións que certifican que Iberdrola avisou a Xunta con antelación da súa intención de baleirar presas. A resposta do presidente foi cualificar de "broma" que "agora" a CHMS faga referencia "a un fax" da eléctrica remitido á delegación de Ourense da Consellaría de Medio Ambiente "e ao 112". "Menos mal que o enviaron ao 112 e non a un centro de saúde", ironizou, pese a que o 112 depende da Consellaría de Presidencia. 

Cuestionado tamén pola comisión de investigación no Parlamento que pide a oposición para estudar o caso e dirimir responsabilidades polos desembalses -nacionalistas e socialistas aluden a unha posíbel prevaricación da Xunta por non actuar coas súas competencias para protexer o medio pese a ser notificada do baleirado-, Feixoo respondeu que a única competencia da Xunta é abrir o expediente sancionador que xa anunciou Medio Ambiente, xa que os encoros da CHMS son  de competencia estatal.  

Novo paquete de axudas ao turismo e ao deporte

Noutra orde, Feixoo informou de que o Consello da Xunta aprobou un novo paquete de axudas económicas ao sector turístico dotado cun orzamento de 15,8 millóns de euros dos que poderán beneficiarse axencias de viaxes, estabelecementos hostaleiros e concellos de menos de 10.000 habitantes.

O paquete de axudas divídese en tres. A maior parte do orzamento irá á hostalaría, que dispón de dúas liñas, cada unha de 6 millóns de euros, para renovar as súas instalacións e adaptar o seu negocio. Para as axencias de viaxe resérvanse 350.000 euros, mentres que os concellos poderán optar a 3,5 millóns en apoios ao desenvolvemento de novas ofertas turísticas.

En canto ao deporte, o Consello da Xunta aprobou unha liña de axudas directas para apoiar federacións, clubs, sociedades anónimas e seccións deportivas. En concreto, haberá tres liñas de actuación: axudas á competición oficial galega e á oficial estatal non profesional; para a compensación da minoración dos ingresos; e aquelas destinadas ás federacións deportivas galegas.

Terceira dose da vacina

Segundo avanzou o presidente, Sanidade quere comezar a chamar esta semana as persoas con transplantes para que reciban a terceira dose da vacina contra a Covid-19

Serán estas persoas a "primeira prioridade" á hora de administrar a terceira picada. Preguntado sobre cales serán os próximos colectivos en ser chamados, manifestou que entende que, tras os inmunodeprimidos, debería continuarse por aqueles que completaron a pauta de vacinación "hai moito tempo".

Comentarios