Axentes de extinción desinfectarán centros de saúde e residencias

[Imaxe: @BrifLaza. Brigadistas no incendio de Cuadraledo]
Tamén patrullarán por camiños e pistas forestais velando que se cumpran as medidas de confinamento, mais sen capacidade de impoñer sancións.

A Xunta vén de anunciar a incorporación de traballadores e axentes do servizo de prevención e extinción contra o lume na limpeza de centros de saúde, residencias de maiores e de persoas con diversidade funcional na estratexia de evitar o contaxio pola COVID-19.

A medida foi anunciada e difundida polo conselleiro de Medio Rural, José González, a través das redes sociais. Os axentes actuarán e 200 municipios. O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, indicou que esta segunda feira comezarán a despregarse sobre a xeografía galega as brigadas compostas por persoal da Consellaría de Medio Rural do servizo de extinción de lumes para estas tarefas de desinfección en exteriores, centros sanitarios e residencias de Concellos rurais e de menos de 5.000 habitantes.

A maiores, estes equipos tamén velarán polo cumprimento das medidas de confinamento e illamento social decretada no estado de alarma. Así, patrullarán por camiños e pistas forestais, mais sen capacidade sancionadora.