O Concello da Coruña fecha o Centro Cívico de Feáns polo coronavirus

Centro Cívivo de Feáns, A Coruña (Concello da Coruña)

Sanidade vixiará 250 persoas que pasaron polo centro nestes días.

O Concello da Coruña anunciou a través das redes sociais o “peche e desinfección” do Centro Cívico de Feáns seguindo as recomendacións da Consellería de Sanidade e debido aos posíbeis casos de coronavirus detectados polo Sergas.

Integrantes da Coral de Feáns, que ensaia neste centro, deron positivo en coronavirus, de aí a adopción desta medida. Vaise vixiar a por volta de 250 persoas que nestes días pasaron por estas instalacións, de titularidade municipal.

Polo momento, na Coruña hai dúas persoas ingresadas no Complexo Hospitalario Universitario (Chuac). Trátase dun home de 81 anos con patoloxías previas con positivo para coronavirus e que permanece na UCI con prognóstico grave.

Ademais, tamén está ingresado o primeiro paciente confirmado con Covid-19 en Galiza, que permanece "estable dentro da gravidade" ingresado nunha planta convencional.

Na actualidade en Galiza, o Ministerio de Sanidade confirmou seis casos positivos, catro en Vigo - tres da mesma familia e o cuarto cunha estreita relación con ela-- e dous na Coruña - sen relación entre si.