Hugo López, doutor especialista en IA: "A Axencia de Intelixencia Artificial pon Galiza no mapa"

O doutor Hugo López investiga aplicacións da IA na UVigo. (Foto:SINGgroup)
Aplicacións de procesamento da linguaxe natural, sistemas de axuda á condución de vehículos ou aplicacións que identifican patoloxías son exemplos de uso da Intelixencia Artificial (IA). Nós Diario conversa co doutor especialista en IA Hugo López Fernández sobre esta parte das ciencias computacionais.

—Que é concretamente a Intelixencia Artificial (IA)?

A Intelixencia Artificial inicialmente era a idea de construír máquinas que fosen capaces de facer todo da mesma maneira que o facemos os seres humanos. Isto é, pensar, aprender, sentir, falar e actuar. Iso sería a IA xeral. 'Xeral' porque abrangue todo o que facemos as persoas.

—Entón, se esa é a idea inicial da IA, que entendemos hoxe por Intelixencia Artificial?

Conseguir unha IA xeral é o "Santo Grial" das Ciencias da Computación. É algo moi difícil de conseguir precisamente porque todo o que facemos os seres humanos é moi complexo. Entón o que se comezou a facer foi intentar solucionar problemas concretos. É dicir, abordar áreas concretas, como por exemplo aprender: máquinas que sexan capaces de aprender automaticamente. Ou máquinas que sexan capaces de razoar, pero nun problema moi concreto. 

Pensemos, por exemplo, nunha máquina que xoga ao xadrez. Aínda que a máquina é moi boa xogando ao xadrez, non vai ser capaz de facer outra cousa. Isto sería IA estreita, IA especificamente deseñadas para resolver tarefas concretas. A gran maioría das aplicacións das que dispoñemos actualmente son deste tipo. 

—En que se emprega a IA na actualidade?

Hai un montón de aplicacións que realmente están baseadas en IA. Podemos comezar polos sistemas de recoñecemento de voz que teñen os móbiles ou os dispositivos tipo Alexa ou Siri. Esta é unha aplicación concreta que se coñece como procesamento da linguaxe natural. Son máquinas que teñen que ser capaces de entender o que dicimos e transformalo en comandos. Esta é unha aplicación moi concreta e moi cotiá. 

Tamén algunha das melloras que xa traen os coches: axudas á condución do tipo do sistema que van recoñecendo os sinais. Este sería un tipo de IA moi concreta que é unha aplicación para recoñecer sinais e obxectos e ser capaz de recordalos. 

No campo da Medicina temos un montón de exemplos. Hai xa sistemas que axudan os especialistas a clasificar ou a entender radiografías, a identificar patoloxías en fotografías da pel.

—Vostede investiga nese campo, no da diagnose clínica.

Entre outras moitas cousas. Hai uns anos que o noso grupo  xunto con membros do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) estamos traballando nun sistema neste tipo, de axuda á diagnose clínica do cancro colorrectal.

—Que implica para á Galiza que A Coruña sexa sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial (Aesia)?

É positivo porque pon a Galiza neste mapa da última moda da tecnoloxía que é a IA. Entendo que isto vai ser bo porque traerá traballadores, porá o foco de atención. Se cadra axuda a traer tamén financiamento, crearanse os novos graos e mestrados de IA e será bo para as moitas empresas galegas que xa están empregando esta tecnoloxía no seu día a día.

—Pode supoñer problemas o seu uso ou a súa aplicación?

O que se agarda que faga a Aesia é supervisar o uso e a aplicación que se fai da IA. Como calquera outra tecnoloxía inventada polo ser humano pódese usar para ben ou para mal. As aplicacións das que falamos, como a medicina, agárdase que se garanta que sexan beneficiosas para a poboación. Porén, pode ser que haxa outras aplicacións que non sexan positivas para os seres humanos, porque incorren nalgún tipo de discriminación, ou porque non se usan co fin agardado.

Máis de 10 anos investigando sobre IA

Hugo López licenciouse en Informática en 2011 e doutorouse en 2016 traballando no campo da IA aplicada á análise de datos de espectrometría de masas na Universidade de Vigo. A Combinación da IA coas Ciencias da Vida (especialmente a Bioinformática) define a súa principal liña de investigación.

Actualmente traballa como profesor axudante doutor, sendo integrante do grupo de investigación de sistemas informáticos de nova xeración SINGgroup. Tamén está especializado no desenvolvemento de aplicacións Java con interfaces GUI baseadas en Swing, así como na análise de datos con R. 

Hugo López é o secretario de InvestiGal - Rede Galega pola Investigación, entidade que busca dar resposta aos problemas transversais a todo o sector da investigación na Galiza.