O AVE conecta esta semana Galiza-Madrid após 30 anos de atraso e mentres o país segue sen cercanías

A ministra de Transportes, Raquel Sánchez, saúda o presidente da Xunta, Núñez Feixoo, na viaxe de proba Pedralba-Ourense de novembro (Foto: Rosa Veiga / Europa Pres)

Tras décadas de obras, seis ministros, catro presidentes do Goberno do Estado e numerosas datas e aprazamentos para a súa culminación, o AVE conecta esta semana Galiza-Madrid. Mentres se reducen os tempos de viaxe á capital do Estado, a Galiza segue sen trens de proximidade. Á cabeza da xincana está a viaxe de Lugo a Compostela: 2 horas e 43 minutos. 

O tren AVE chegará esta segunda feira, 20 de decembro, á estación da Gudiña-Porta da Galiza ás 11.38 horas, tras saír ás 9.45 horas de Madrid e parar ás 10.49 en Zamora. Nestes dous puntos incorporaranse á viaxe inaugural os presidentes da Galiza e Castela e León, Alberto Núñez Feixoo e Alfonso Fernández Mañueco, respectivamente.  

A viaxe estará presidida polo monarca español Felipe VI, e participarán, entre outros, o presidente do Executivo estatal, Pedro Sánchez; a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, e a de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez.  

Na Gudiña, o Borbón descubrirá unha placa conmemorativa. Despois, haberá un acto institucional en Ourense, que incluirá a proxección dun vídeo e intervencións institucionais.  

Hai apenas un mes, a propia ministra de Transportes protagonizou unha viaxe “en probas”, xunto a outras autoridades e xornalistas, que supuxo a inauguración do tramo entre Pedralba de la Pradería (Zamora) e Ourense, de 119,4 quilómetros de lonxitude.   

A diferenza de entón, esta inauguración farase tras recibir a ministra unha representación da plataforma de vítimas do accidente do tren Alvia en Angrois (Santiago), que en xullo de 2013 deixou 80 mortos e máis dun cento de feridos nas vías.  

Este sinistro está aínda por xulgar e está previsto que no primeiro trimestre de 2022 senten no banco tanto o maquinista como o ex director de seguridade de Adif, por imprudencia profesional grave. 

As vítimas exixen unha investigación técnica independente posto que a única oficial que realizou até o momento o Estado español determina que o maquinista foi o único responsábel. Mentres, tanto a Unión Europea como o xuíz instrutor, apuntan a fallos na avaliación de riscos da liña, cuxo encargado de supervisar é Adif, dependente do ministerio. 

Na reunión coas vítimas, a ministra comprometeuse a estudar o cesamento do presidente da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF), o organismo autor da referida investigación oficial, tal e como demanda a plataforma. 

Segunda fase, os 'AVRIL' 

Hai un mes, a ministra recoñeceu que, en canto ao AVE á Galiza, está por chegar unha "segunda fase" que reducirá "noutros 20 minutos" os tempos, coa chegada dos trens da serie 106 de Talgo, os coñecidos como 'Avril', que permitirán velocidades de 330 quilómetros por hora. 

Desta forma, os novos tempos de viaxe desde as principais cidades galegas con Madrid quedarán da seguinte maneira: Ourense-Madrid 2 horas e 15 minutos, Vigo-Madrid 4 horas e 16 minutos, Pontevedra-Madrid 4 horas, Santiago-Madrid 3 horas e 20 minutos, A Coruña-Madrid 3 horas e 51 minutos e Lugo-Madrid 4 horas e 46 minutos. 

Galiza perde o tren 

Mentres o traxecto con Madrid reduce duración, os tempos de viaxe entre os principais núcleos de poboación da Galiza son moito máis elevados. Así, a duración do desprazamento por ferrocarril de Lugo a Compostela é de 2 horas e 43 minutos, de Pontevedra a Ourense de 1 unha hora e 57 minutos e da Coruña a Ferrol de 1 hora e 18 minutos, carecendo esta última cidade de conexión directa con Vigo. 

articulación ferroviaria interna da Galiza non é unha preocupación do Executivo español nin tampouco do galego. A este respecto, resulta clarificadora a negativa do Estado a pór en marcha un servizo de proximidade nalgunha das áreas metropolitanas ou comarcas galegas.