Avalan a dose de reforzo para todos os maiores de 18 anos

Carolina Darias na rolda de prensa da quinta feira. (Foto: R.Rubio.POOL / Europa Press)
A OMS critica a intensificación das doses de reforzo por inxustas e innecesarias, ao tempo que o Estado aproba inocular con elas a toda a poboación adulta.

Os territorios do Estado e o Ministerio de Sanidade acordaron esta quinta feira na Comisión de Saúde Pública autorizar as doses de reforzo a todas as persoas maiores de 18 anos das vacinas aprobadas contra a Covid-19, que até o de agora só se inoculaban a maiores de 40 anos.

A ministra, Carolina Darias, explicou tras a xuntanza que estas picadas efectuaranse de “maneira ordenada”, avanzando por grupos de idade agrupados nunha década.

Neste sentido, unha vez que finalice o proceso de vacinación da dose de reforzo con maiores de 40 anos comezará a campaña para inxectar os maiores de 30, despois aos maiores de 20 e así até cubrir a poboación adulta.

Non obstante, Darias apuntou que se marcará como prioridade as persoas de risco e mais a aquelas que completaran a pauta de vacinación hai máis tempo, incidindo en que hai que “seguir dando prioridade á vacinación dos menores de 12 anos”.

Tamén foi aprobada a cuarta dose da vacina para as persoas inmunodeprimidas ou que están a ser tratadas con fármacos inmunosupresores.

Outro dos aspectos que se debateron na reunión é a redución da marxe entre a pauta completa e a picada da dose de reforzo, que pasa de seis a cinco meses. A ministra sostivo que chegaron a esta posición “en función da evidencia que imos tendo, xa que a partir dos cinco ou seis meses comeza a baixar a protección dos anticorpos”.

A decisión da Comisión de Saúde Pública choca con todas as recomendacións desenvoltas pola Organización Mundial da Saúde (OMS).

O seu director, Tedros Adhanom Ghebreyesus, insistiu en distintas ocasións en que a “dose de reforzo pode prolongar a pandemia” por mor da desigualdade no repartimento das vacinas, o que permite que nos países con menos poboación inoculada o virus siga mutando e propagándose.

Tedros acusou os países con máis ingresos por intensificar as doses de reforzo e non compartir os compostos contra a Covid-19 entre os países de menos ingresos. Baseado na evidencia, defendeu que estas doses só se xustifican nas persoas con máis risco de padecer doenzas.

Por outra parte, tamén é cuestionábel a eficacia desta estratexia, “non se poden pór doses de reforzo cada tres ou catro meses indefinidamente”, alertara a Axencia Europea dos Medicamentos. Ademais, o grupo técnico que asesora sobre as vacinas a OMS advertiu de que “é pouco probábel que repetir doses de reforzo coa composición orixinal da vacina sexa apropiado ou sostíbel”.