Toda a poboación adulta recibirá a terceira dose da vacina

Punto de vacinación na Coruña, nunha imaxe de arquivo (Foto: M. Dylan/Europa Press).
A vacinación de nenos e nenas de entre 5 e 11 anos na Galiza é case o dobre que no conxunto do Estado.

A Comisión de Saúde Pública, órgano no que están representados o Ministerio de Sanidade e os seus homólogos territoriais, acordou esta quinta feira estender a administración da terceira dose da vacina contra a Covid-19 a toda a poboación maior de 18 anos.

Na Galiza prosegue esta semana a inoculación desta dose de reforzo ás persoas de entre 40 e 49 anos, así como as repescas, e fica aberta a autocita para quen non se inmunizase até o momento. O obxectivo é que, de forma xeral, remate o tratamento a este colectivo esta mesma semana.

En total, 55,6% da poboación galega recibiu xa a terceira dose do fármaco, mentres 85,8% ten dúas doses e 90,1% a primeira parte do tratamento.

Ademais, segundo anunciou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, o grupo de idade entre os 30 e os 39 anos recibirá a terceira picada en breve, pois a campaña nas distintas áreas sanitarias vai comezar entre a próxima cuarta feira, 19 de xaneiro, e o domingo día 23.

Vacinación infantil

Por outra parte, foron vacinados até o de agora 114.311 menores de 10 a 14 anos, que constitúen 74 máis que os rexistrados até o día anterior; e 63.561 de 5 a 9 anos, 9.602 máis.

Segundo o último informe actualizado polo Ministerio de Sanidade con data do 12 de xaneiro, correspondente á vacinación pediátrica até o día 11 deste mes, a Galiza vacinou 93.772 menores de 5 a 11 anos con, cando menos, unha dose, dunha poboación diana desas idades de 155.893, o que supón 60,2% deste colectivo.

Deste modo, o país fica á cabeza do Estado español na inmunización da cativada —a media estatal é de 37%—.