As queixas ao Defensor do Pobo aumentaron na Galiza

O Defensor do Pobo entregou á presidenta do Congreso a memoria (Foto: Europa Press).
Educación e sanidade, entre as queixas principais

As queixas trasladadas pola poboación galega ao Defensor do Pobo rexistraron un lixeiro aumento en 2022 en comparación con 2021, pasando de 1.159 a 1.260, unha cifra que representa 4,13% das recibidas a nivel estatal. Así se revela no informe publicado onte no que se recollen, entre outras cuestións, recomendacións á Xunta en materia de dependencia ou de reposición de funcionarios e funcionarias xudiciais, así como propostas para a mellora dalgúns servizos.

No que se refire aos expedientes de queixas, tamén a nivel estatal, como ocorre na Galiza, contabilizouse un aumento pasando de 28.047 en 2021 a 30.481, en 2022. En canto ás queixas, as principais teñen que ver con seguridade social e emprego e a Administración de Xustiza. Outras están relacionadas co emprego público, asuntos de Interior, educación, sanidade ou vivenda, entre outras.

Con respecto ás procedentes dos defensores e defensoras do pobo das autonomías, rexistráronse un total de 1.786, das cales 255 corresponden a Galiza.

Segundo recolle o informe, o Defensor do Pobo instou a Xunta da Galiza a tomar medidas para axilizar a taxa de reposición e cobertura das vacantes e baixas dos funcionarios "en orde a evitar que afecten ao funcionamento ordinario dos xulgados e tribunais".

Informes a xulgados

Entre as demandas do Defensor do Pobo, está que a Xunta valore a posibilidade de que tanto o Instituto de Medicina Legal da Galiza (Imelga) como a Unidade de Psicoloxía Forense da Universidade de Santiago poidan emitir informes psicosociais solicitados polos tres xulgados mixtos do partido xudicial de Carballo como solución para reducir o período de espera nos procedementos de familia.