Levan perante o Defensor del Pueblo a “criminalización” de simboloxía galega nos estadios

Dereitos Civís impulsa unha recollida de sinaturas. Lembra que o Valedor do Pobo indicou que a prohibición ou retirada deses símbolos debía ser “excepcional”.

Bandeiras nen Balaídos
photo_camera Bandeiras nen Balaídos

A plataforma 'Dereitos Civís' impulsa na rede unha recollida de sinaturas para remitir ao Defensor del Pueblo e a través da cal solicitan “que se deixe de criminalizar a simboloxía galegal”. DDCC afirma que o que está a acontecer coa requisa de bufandas e material en determinados estadios de fútbol vén a reabrir o “confuso” debate sobre “a censura nos campos de fútbol a determinada simboloxía”. Lembra así que seareiros galegos teñen denunciado requisas de bandeiras nancionalistas, bufandas coa estrela vermella, camisolas coa palabra Galiza ou co retraro de 'Jimmyy', o afeccionado deportivista asesinado en Madrid.

En 2015 a Liga de Fútbol Profesional enviou aos aos equipos de primeira e segunda división unha circular endurecendo as restricións de entrada e os requisitos para exhibir simboloxía no interior dos campos, que segundo a LFP debe limitarse “ás expresións de apoio ao club”. Porén, salienta DDCC; a lei é bastante laxa e as marxes para delimitar que símbolos ou mensaxes resultan aceptábeis dentro dun campo fican nas mans das directivas dos equipos ou dos propios gardas de seguridade.

Excepcional

Para o Valedor do Pobo, afirma DDCC, a exhibición de bandeiras independentistas só se debería impedir de xeito extraordinario, en partidos que teñan sido cualificados como de alto risco pola Comisión estatal contra la violencia, el racismo, la xenofobia y la intolerancia en el deporte, e nos que exista unha ameaza demostrábel de que a súa exhibición xerará incidentes violentos". Así, aseguraba “a limitación por motivos de orde pública da liberdade de expresión, que inclúe a liberdade para portar símbolos nacionalistas ou independentistas en espazos públicos, debe ser, polo tanto, excepcional e de ser aplicada de xeito prudencial”.

Tres anos despois da queixa do Valedor do Pobo, a presenza da simboloxía nacionalista galega nos campos de fútbol "non só non se regularizou, senón que mesmo se ampliaron as restricións a todo tipo de símbolos, prendas ou faixas que a seguridade do evento considere inadecuadas". 

Comentarios