Coronavirus Galiza: As aulas terán que facer corentena a partir de 5 positivos entre o alumnado
A Comisión de Saúde Pública, da que forman parte o Ministerio de Sanidade e representantes dos diferentes territorios do Estado español, vén de acordar que as aulas farán corentenas sempre e cando teñan 5 persoas contaxiadas da Covid-19 ou máis do 20% das persoas que forman parte das mesmas.
Ao estipular que non haberá illamento cando haxa até 4 positivos por coronavirus -ou menos dese 20%- o que se pretende, segundo aseguraron as autoridades sanitarias é "garantir a presencialidade nas aulas".
Así, a medida de fechar cada clase levaríase a cabo cando haxa 5 casos ou máis coa infección activa nun período igual ou inferior a 7 días.
Fontes do Ministerio de Sanidade aclararon que a Comisión aprobou unha Adaptación das Medidas de Prevención fronte á Covid-19 en centros educativos e da Guía de Actuación ante a Aparición de Casos en centros educativos."Os cambios marcados van dirixidos a garantir e fomentar o máximo posíbel" que haxa asistencia en todos os niveis educativos.
Neste sentido, afirmaron que se vai reforzar e pór especial control no cumprimento de todas as medidas de prevención para reducir o risco de contaxios.
Consideran que a modificación acordada responde perfectamente á situación actual da pandemia (malia vivir a sexta onda e un incremento elevado de novos casos) e "reflicte tamén o importante avance da vacinación en todos os grupos de idade".
Mesmo refírese aos centros escolares como "espazos seguros" tirando da hemeroteca desde que comezou a crise sanitaria en marzo de 2020.