A vacinación das crianzas: coñece os posíbeis efectos secundarios

Preparan unha nena para a vacinación en Ourense, neste comezo de 2022. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
As pequenas e pequenos galegos tamén poderían experimentar reaccións após a dose do fármaco contra a Covid-19. O cansanzo ou a dor de cabeza son algúns dos riscos a padecer na casa. Por iso, non está de máis a previsión nos fogares.

As vacinas, segundo as persoas expertas, teñen máis vantaxes que prexuízos, pero ao igual que as maiores, as crianzas non están exentas de poder padecer algún efecto adverso após a inoculación dos fármacos fronte á Covid-19.

Ante calquera eventualidade, é mellor que as familias estean preparadas para as reaccións que están a ter algunhas pequenas e outras que poderían chegar nas próximas semanas, a medida que avance a campaña pediátrica na Galiza.

Segundo especialistas na materia, téñense detectado resultados similares no grupo de idade entre os 5 e os 11 anos e o de maiores de 12.

En calquera caso, o malestar despois da picada pode derivar nas crianzas en dor no brazo, ao igual que as persoas adultas, que vaia aparellado dunha inchazón e mesmo molestias na axila. Tamén podería detectarse unha mancha vermella na zona da picada.

As nenas e nenos tamén poden experimentar cansazo ou astenia nos días seguintes a recibir a vacinación, tal e como ten advertido a Axencia Española do Medicamento.

Os fogares tamén deberían estar preparados por se se queixan de dores de cabeza, molestias musculares ou mesmo teñen calafríos. Para iso, un paracetamol infantil pode ser útil.

Nalgúns casos, como nos ensaios clínicos destes tratamentos para frear o dano do coronavirus, notificáronse de forma puntual febre, inflamación dos ganglios linfáticos ou náuseas e desgana pola comida.

As sanitarias aseguran que a maioría dos casos que aparecen son leves ou moderados e pasan en cuestións duns días. Aliás, a eficacia está comprobada nun 91% polo que son maioría as doutoras e doutores que teñen recomendado vacinas ás crianzas.