Vacinación obrigatoria, restricións... Que medidas toma Europa ante a Covid?

Austria, Grecia e Italia comezan impor a obrigatoriedade da vacina para algúns sectores da poboación, mentres países como Francia veñen de incrementar as restricións para as persoas non inmunizadas.

Unha muller recibe a terceira dose nunha residencia de maiores. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
photo_camera Unha muller recibe a terceira dose nunha residencia de maiores (Foto: Jesús Hellín / Europa Press).

Europa está a atravesar a maior explosión de contaxios da Covid-19 desde que principiou a pandemia case dous anos atrás. Ante esta situación, os países do continente están a aprobar diferentes medidas que, en moitos casos, suscitan a polémica entre a poboación.

Limitacións no comercio alemán

En Alemaña, desde o pasado decembro, as persoas non vacinadas non poden acudir a comercios non esenciais.

Austria impón a máscara en exteriores

O chanceler austriaco, Karl Nehammer, avanzou na quinta feira a imposición da máscara FFP2 en espazos exteriores, "toda vez que non se poida manter o distanciamento social de dous metros" estabelecido polas autoridades deste país.

Aliás, os comercios só permitirán a entrada a aquelas persoas que conten coa pauta completa de vacinación.

Con todo, o período de corentena para as persoas que dean positivo nas probas de detección do coronavirus redúcese a cinco días.

Restricións para as persoas non vacinadas en Francia

A Asemblea Nacional francesa vén de aprobar unha proposta para pór en marcha unha drástica serie de restricións á poboación non vacinada, un texto que agora deberá ser referendado no Senado antes de obter 'luz verde'.

Deste modo, impediríase a este grupo de persoas o acceso a restaurantes, cinemas ou viaxes en tren de longa distancia. Porén, no transporte si se aceptará unha proba negativa da Covid-19 "se houber un motivo imperioso de familia ou de saúde".

Cuarta dose da vacina en Israel

O Goberno de Israel vén de aprobar a inoculación dunha cuarta dose da vacina contra a Covid-19 para as persoas inmunodeprimidas, e xa estuda ampliala a outros sectores da poboación.

Italia, vacinación obrigatoria de maiores de 50 anos e extensión do uso do certificado Covid

O Goberno italiano decidiu esta semana implantar a vacinación obrigatoria contra a Covid-19 para as persoas maiores de 50 anos, dado que é o colectivo, sinalou o primeiro ministro, Mario Draghi, "con maior risco de hospitalización".

Por outra parte, en Italia tamén será obrigatorio, a partir do 10 de xaneiro, o certificado sanitario —que só obteñen as persoas vacinadas— para acceder aos medios de transporte, hoteis, cerimonias ou festivais. Tamén nas actividades de lecer e a restauración, algo que hoxe xa está en vigor.

Teletraballo e restricións en Portugal

Cando menos até o vindeiro 14 de xaneiro, no país veciño está en vigor o teletraballo obrigatorio en todos aqueles postos que o permitan, o fechamento do lecer nocturno, o límite de capacidade nos comercios e o test negativo para entrar a territorio luso por vía aérea, así como para acceder a restaurantes e hoteis.

Reino Unido suprime a obrigatoriedade da PCR para entrar no país

No Reino Unido, pola contra, desde esta sexta feira non é obrigatorio mostrar unha proba diagnóstica do coronavirus negativa para entrar ao país, e as persoas viaxeiras tampouco terán que illarse á súa chegada até obteren o resultado dunha PCR —agora someteranse a un test rápido—.

Outras medidas sobre a vacinación

A partir do 1 de febreiro a vacinación será obrigatoria para o conxunto da poboación austriaca, mentres en Grecia se exixe ás persoas maiores de 60 anos.

En Alemaña e Francia deben inmunizarse as traballadoras e traballadores sanitarios e de residencias.

Comentarios