Aulas suspendidas e ríos desbordados: Así está a afectar 'Gerard' na Galiza

As consecuencias do temporal de Pedrafita do Cebreiro (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

Nas comarcas do sueste do país non houbo centros que decidisen suspender as clases esta terza feira, mais nos 15 centros afectados pola anulación do servizo de transporte, houbo 584 alumnos que non asistiron.

Debido ao temporal ‘Gerard’, que afectou especialmente a zonas do interior galego provocou que un total de sete centros escolares da comarca da Terra Chá suspenderon as aulas nesta terza feira.

Foron máis dun milleiro de escolares os cales non acudiron ao seu centro educativo, segundo a información facilitada pola Consellaría de Educación, que acordou a pasada segunda feira suspender totalmente o transporte escolar nestas zonas.

Nas comarcas do sueste do país non houbo centros que decidisen suspender as clases esta terza feira, mais nos 15 centros afectados pola anulación do servizo de transporte, houbo 584 alumnos que non asistiron.

Incidencias polo temporal

O temporal de vento, chuvia e neve deixou xa na Galiza un total de 709 incidencias desde a pasada segunda feira.

Da mesma maneira, o 112 informou de que nas últimas horas desta terza feira, entre as 8 e as 12 horas do mediodía, foron máis dun centenar as incidencias rexistradas.

As máis numerosas están ligadas a árbores e pólas que caeron sobre estradas, ás que se lle sumaron progresivamente incidencias relacionadas con inundacións en rúas, estradas ou vivendas; e desprendementos e derrubamentos.

Cortes de estradas

En moitos puntos do país, a caída de árbores provocou o corte de calzadas, principalmente secundarias: por exemplo, en Guitiriz, á altura do quilómetro 6 da LU-P-2303.

Con todo, as interrupcións da circulación máis importantes tiveron lugar na N-VI, cortada por unha focha e o seu anegamento no quilómetro 523, ao seu paso por Begonte.

Tamén, varios particulares reportaron anegamentos en diferentes puntos da LU-162.

Pola súa parte, o desbordamento do río Umia conlevou a inundación da EP-9511, mentres que un particular informaba ao 112 de que o Miño, desbordado, estaba a piques de asolagar o Balneario Lanuxe de Cortegada.

A zona da Terra Chá e, en concreto o concello de Begonte, sufriron con especial intensidade os efectos do temporal.

Así, á marxe do corte no quilómetro 523, no quilómetro 525 da N-VI, un condutor tivo que ser trasladado polo persoal de Urxencias Sanitarias: o 112 Galiza tivo constancia pasadas as 9.40 horas cando un particular chamou para informar dun vehículo que non podía avanzar, xa que o nivel da auga alcanzaba a altura das xanelas.

Foi un veciño quen finalmente conseguiu axudar á persoa para abandonar o coche, a cal tivo que ser trasladada por estar afectada pola auga.

No operativo participaron tamén os axentes da Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento das estradas. Varias familias tiveron que ser rescatadas, algunhas en lancha, na localidade de Begonte.

Efectos da neve

No tocante á neve, os seus efectos tamén se comezaron a notar. En Navia de Suarna, o condutor dun camión solicitou a asistencia dos servizos de emerxencias ao non poder avanzar nin retroceder pola estrada, a LU-P-3501, cuberta de neve no seu quilómetro 10.

Así mesmo, o 112 informou do derrubamento dun muro na Rúa Doutor Corbal, en Vigo, sen causar dános persoais.

Unha vintena de ríos en risco de desbordamento

Ademais, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior mantén activo o plan especial ante o risco de inundación na Galiza (Inungal), en situación de alerta, ante o posíbel desbordamento dos ríos Lerez, en Pontevedra; do Mera, en Ortigueira; do Furelos, en Santiso; do Mandeo, en Aranga; do Mendo, en Betanzos; do Ouro, en Foz; do Parga, en Guitiriz; do Ladra, en Vilalba; do Tambre, en Oroso; do Rego das Mestas, en Valdoviño; do Covo, en Cervo; e do Miño en Lugo, A Peroxa e Ourense.

A eles incorporou nas últimas horas, a alerta para os ríos Sor Baixo, no Vicedo; o Xallas 1, en Santa Comba; o Ulla, en Santiso; o Labrada, en Fraga; o Sil, no Barco de Valdeorras; o Avia, en Ribadavia; o Arnoia, en Baños de Molgas; e o Tea, en Salvaterra.

Danos no tendido eléctrico

A caída de árbores provocou danos no tendido en distintos puntos do país, así o ratificaron a fontes das compañías Naturgy e Begasa.

Entre as zonas que se viron máis afectadas están Boiro, Carballo e O Barco. Da mesma maneira, Veiga, en Outeiro de Rei, quedou sen luz durante a tarde desta segunda feira.

Aviso laranxa e alerta vermella

A Dirección Xeral de Emerxencias da Xunta estendeu a alerta laranxa por nevadas ao sueste do país, que se suma ás zonas de montaña de interior, onde se esperan acumulacións de máis de 20 centímetros en 24 horas.

A alerta permanecerá activa esta cuarta feira, xornada na que a cota de neve oscilará entre os 300 e os 500 metros, o que podería deixar nevadas en case todo o interior galego e, mesmo, en puntos da Mariña.

Por outro lado, activouse a alerta vermella desde o mediodía desta terza feira en toda a costa noroeste por un temporal costeiro que podería deixar ondas de até nove metros de altura.

O resto do litoral galego tamén se atopa en aviso, neste caso, laranxa, por un temporal con ventos de forza 8 e ondas de entre 5 e 8 metros.