A costa do noroeste do país permanecerá esta terza feira en alerta vermella por un temporal que, segundo as predicións, deixará ondas de até nove metros de altura.
Por iso, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Segunda da Xunta da Galiza acordou elevar ao grao máximo a alerta polos efectos do temporal costeiro.
As previsións da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) sitúan a entrada deste fenómeno meteorolóxico adverso a partir da media tarde da terza feira.
No noroeste do país espérase mar combinado do con ondas de até nove metros que obrigarán a elevar o grao da alerta de nivel laranxa que permanece activa desde esta segunda feira.
Esta alerta laranxa afecta todo o litoral galego e continuará activa ao longo de toda a terza, na que se esperan ondas de oito metros en puntos da Mariña e as Rías Baixas.
O temporal no interior
A declaración de alerta máxima na costa súmase a outras medidas de prevención adoptadas pola Administración autonómica ante os efectos da borrasca 'Fein', como a suspensión do transporte escolar en zonas do interior.
Ademais, tamén está anulado o funcionamento do transporte escolar na quenda de tarde en amplos puntos do interior.
A Xunta insta a cidadanía a extremar as precaucións polos efectos da borrasca, especialmente no litoral.