A Audiencia da Coruña confirma o arquivo da denuncia dos Franco contra os '19 de Meirás'

Os '19 de Meirás' volveron ao pazo o pasado ano. (Foto: 19 de Meirás)
O xulgado estende que non cabe considerar que a familia Franco cumpra os requisitos de formar parte de ningún grupo ao que a lei recoñeza especial protección.

A Sección Segunda da Audiencia Provincial da Coruña desestimou os recursos de apelación presentados pola Fundación Francisco Franco e outros familiares do ditador contra a decisión do Xulgado Mixto número 2 de Betanzos de arquivar a causa aberta contra os coñecidos como os '19 de Meirás'.

Confírmase, deste modo, o sobresemento final desta causa.

En relación ao delito de odio que denunciou a fundación e a familia Franco, a Sala entende que non pode existir xa que "empolicarse a unha das torres do Pazo de Meirás e exhibir unha pancarta reivindicativa da titularidade pública dese Ben de Interese Cultural nun converxente contexto social de reclamación por parte da cidadanía" non constitúe tal delito.

"Os Franco non requiren especial protección"

Entenden os maxistrados que tampouco cabe considerar que a familia Franco cumpra os requisitos de formar parte de ningún grupo ao que a lei recoñeza especial protección.

Tamén descartan o delito de violación de morada, ao non poder "predicarse a existencia dunha intimidade reservada a uns potenciais moradores nas zonas de paso do interior do pazo".

Indican tamén que nos momentos da protesta, o inmóbel estaba en horas de apertura a visitas guiadas.

A sala tampouco cre que se cumpran as condicións que a xurisprudencia exixe para considerar que as persoas que lideraron o acto reivindicativo cometesen un delito de danos.

Os feitos

Os feitos remóntanse á mañá do 30 de agosto de 2017, cando este grupo de persoas accederon tanto á leira, ao interior do Pazo como á súa cuberta, tras subir polos muros perimetrais da propiedade.

Na súa resolución, a maxistrada de primeira instancia de Betanzos considera que "non pode atribuírse a responsabilidade a todos e cada un dos intervenientes, dun modo xenérico, individualizado ou discriminado", xa que non pode determinarse "en ningún dos investigados" que se causasen danos na cuberta e muros do inmóbel.

Por tanto, ao non aparecer "debidamente xustificada a perpetración dos delitos", así como a posíbel persoa individualmente responsábel, decidiuse acordar o sobresemento provisional e arquivo da causa fronte a 17 dos investigados.