Os ‘19 de Meirás’ volven ao pazo catro anos despois da protesta

Néstor Rego sinala que os bens“formaron parte do espolio".
Os '19 de Meirás' volveron ao pazo o pasado ano. (Foto: 19 de Meirás)
photo_camera (Foto: 19 de Meirás)

O 30 de agosto de 2017, 19 persoas ocuparon o pazo de Meirás para reclamar a súa devolución ao pobo galego. A acción, onde participaron militantes e dirixentes de diversas organizacións do nacionalismo, serviu para popularizar a reivindicación entre a cidadanía galega e internacionalizar o conflito, dada a importante repercusión nos medios de prensa europeos. Practicamente catro anos despois, unha parte destes activistas da memoria volveron a Meiras nun contexto diferente, tras obrigar os xulgados da Coruña aos herdeiros do ditador Francisco Franco a desaloxar o inmóbel e recoñecelo como patrimonio público.

O retorno dos “19 de Meirás” a antiga residencia de verán dos Franco estivo guiada por Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo. Babío e Lorenzo, autores do volume Meirás:un pazo, un caudillo, un espolio, explicaron no percorrido o devir histórico do inmóbel así como a significación dalgunhas das súas estancias, como unha sala situada nas proximidades da entrada, onde se realizaron as reunións do Consello de Ministros durante a ditadura. Precisamente na última xuntanza  do Executivo celebrada en Meirás, aprobouse o fusilamento de cinco demócratas, dous deles os galegos Humberto Baena e José Luis Sánchez-Bravo.

A incompatibilidade entre Pardo Bazán e a memoria democrática

Carlos Babío, en declaracións a Nós Diario, afirmou que “mediante a historia do pazo fican moi claros os usos futuros”. “E contraditorio xuntar nun mesmo espazo a memoria democrática e a loa á figura de Emilia Pardo Bazán e dos seus herdeiros. Se a primeira se caracterizou pola súa posición reaccionaria, os segundos converteron o pazo durante o período republicano nun lugar para conspirar contra a democracia”, concluíu Babío.

“Entendemos que de ningunha maneira se pode permitir que se retire nada do pazo de Meirás. O lóxico é que a xustiza resolva nesta dirección, pero en calquera caso estaremos atentos para que isto non suceda de ningunha maneira”

Unha das persoas presentes en Meirás, o portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego sinalou que “a acción que realizamos en agosto de 2017 contribuíu tamén porque fixo que esa reclamación dese a volta ao Estado”. Após sinalar o seu “orgullo” por participar daquela protesta, criticou a resolución da Audiencia da Coruña, que fixou a obrigatoriedade de indemnizar aos herdeiros do ditador e aceptou a súa pretensión de retirar do pazo os bens móbeis. A este respecto, aseverou  que “desde o BNG xa dixemos que se é preciso estaremos de forma permanente diante do pazo para evitar que de aquí salga absolutamente nada”.

“Entendemos que de ningunha maneira se pode permitir que se retire nada do pazo de Meirás. O lóxico é que a xustiza resolva nesta dirección, pero en calquera caso estaremos atentos para que isto non suceda de ningunha maneira”, continuou Rego, quen destacou que os bens “formaron parte do espolio”. Uns directamente porque xa estaban aquí e outros porque foron resultado desa práctica de apropiación indebida en distintos lugares da Galiza”. Por último, defendeu que “cremos que corresponde que unha vez que conclúa o proceso xudicial transfírase á administración galega para que, de forma definitiva, sexa do pobo galego e se poida dedicar á memoria democrática”.

A visita a Meirás de parte das persoas presentes na protesta de agosto de 2017 serviu para denunciar a situación procesual de 18 deles. A consecuencia daquela mobilización, a Fundación Francisco Franco e os herdeiros do ditador presentaron unha querela contra os activistas no xulgados de Betanzos a día de hoxe pendente de resolver.Unha situación diferente é a de Néstor Rego, cuxa causa se derivou  pola súa condición de aforado ao Tribunal Supremo, quen determinou o arquivo da mesma, ao non atopar “carácter delituoso dos feitos suficientemente xustificado e ademais non alcanzar os indicios existentes de participación do aforado a mínima solidez esixida”.

Comentarios