A Asociación de Prensa da Coruña, a única de todo o Estado que non lle exixe á CRTVG o cumprimento da Lei de medios

Exterior da Asociación de Prensa da Coruña (Foto: Google Maps).
                                                        

Tal e como informaba Nós Diario a pasada cuarta feira, até 65 asociacións de xornalistas integradas na Federación de Asociacións de Xornalistas de España (FAPE) asinaron unha carta dirixida ao Consello de Administración da Corporación da Radio e Televisión da Galiza (CRTVG) na cal demandan a posta en marcha de organismos profesionais en favor do pluralismo como o Consello de Informativos e o Estatuto de Redacción.

Todas as asociacións integradas na FAPE, excepto unha, asinaron a misiva. A única asociación que se desmarcou da carta enviada á CRTVG foi a Asociación de Prensa da Coruña. Si asinaron a de Lugo, a de Santiago e mais a de Vigo.

A misiva da FAPE formula, argumenta e demanda á CRTVG o cumprimento completo da Lei de Medios de Comunicación Públicos da Galiza (Lei 9/2011) que reestrutura o sector na Galiza con diversos preceptos relativos á súa organización, orzamento, dixitalización etc., pero tamén subliña medidas como a elección do director xeral por maioría cualificada (2/3) do Parlamento galego, a posta en marcha do Consello de Informativos e a creación dun Estatuto de Redacción, disposicións legais que até a data, -desde hai 12 anos-, non se implementaron aínda.

“Erros e inexactitude”

Desde a Asociación de Prensa da Coruña atribúen esta decisión a que o texto “incluía varios erros e inexactitudes, como atribuír á Dirección Xeral funcións que son do Consello de Administración, polo que o voto da Coruña é de abstención, non en contra”.

Para alén diso, desde esta asociación aseguran que o documento final da FAPE “non é exactamente a proposta de resolución que se presenta, difire nalgúns aspectos, corrixindo eses erros detectados na primeira redacción”.

“A Asociación da Prensa da Coruña (APC) non ten ningún problema en adherirse ao documento final, tal e como queda redactado e do que non tivemos coñecemento até que se fixo público, para pedir que se implementen o Consello de Informativos e o Estatuto de Redacción da CRTVG”, acrecentan no comunicado.

“Lamentamos que a situación da CRTVG sexa utilizada para enfrontar os xornalistas galegos”, conclúen.