Así será a nova proba de acceso á universidade: os erros ortográficos e gramaticais baixarán até 10% da nota na ABAU

Exame da ABAU na Facultade de Psicoloxía de Santiago (Foto: Arxina).
Así o reflicte o borrador do proxecto de real decreto da nova ABAU elaborado polo Ministerio español de Educación, Formación Profesional e Deportes e o Ministerio estatal de Ciencia, Innovación e Universidades.

A nova Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU), que se empezará a aplicar desde o próximo curso, incluirá preguntas tipo test, os erros ortográficos e gramaticais baixarán até 10% da nota nos exames e o alumnado poderá elixir entre distintas preguntas, aínda que requirirán que estuden todo o temario.

Así o reflicte o borrador do proxecto de real decreto da nova ABAU elaborado polo Ministerio español de Educación, Formación Profesional e Deportes e o Ministerio estatal de Ciencia, Innovación e Universidades.

O documento estabelece que os exercicios estarán estruturados en diferentes apartados que, á súa vez, poderán conter unha ou varias preguntas ou tarefas. Estas poderán requirir respostas fechadas, semiconstruídas ou abertas, sempre que en cada un dos exercicios a puntuación asignada ao total de preguntas ou tarefas de resposta aberta e semiconstruída alcance como mínimo 70%.

En cada materia farase entrega dun único modelo de exercicio. Con todo, nalgúns apartados poderase incluír a posibilidade de elixir entre varias preguntas ou tarefas, sempre que esta elección non implique a diminución do número de competencias específicas obxecto de avaliación.

Naqueles exercicios nos que as preguntas ou tarefas propostas requiran a produción de textos por parte do alumnado, a valoración correspondente á coherencia, a cohesión, a corrección gramatical, léxica e ortográfica dos textos producidos, así como a súa presentación, non poderá ser inferior a un 10% da cualificación correspondente á pregunta ou tarefa.

Flexibilización para o alumnado con necesidade de apoio educativo

Con todo, a proposta da nova ABAU precisa que a aplicación destes parámetros que baixan até 10% a nota polas faltas de ortografía e gramaticais "poderá flexibilizarse no caso do alumnado con necesidade específica de apoio educativo".

A proba de acceso á universidade constará de cinco exercicios que versarán sobre as seguintes materias: Lingua Castelá e Literatura II, Lingua Galega e Literatura II, Historia ou Filosofía -a elección do alumnado-, Lingua Estranxeira II e a materia específica obrigatoria.

Os exercicios da nova proba terán un deseño competencial que "permitirá comprobar o grao de consecución das competencias específicas das materias"; e requirirán do alumnado "creatividade e capacidade de pensamento crítico, reflexión e madurez" na resolución por escrito dunha serie de preguntas ou tarefas adecuadas ás competencias específicas avaliadas.

As preguntas ou tarefas contextualizaranse en contornas artísticas, científicas, humanísticas e tecnolóxicas e, preferentemente, en contornas próximas á vida do alumnado. Do mesmo modo que no anterior modelo de ABAU, cada un dos exercicios terá unha duración de 90 minutos e estabelecerase un descanso entre probas consecutivas de, como mínimo, 30 minutos.

Ademais, non se computará como período de descanso o utilizado para ampliar o tempo de realización das probas do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo ao que se lle prescribise esta medida.

"Tanto os elementos curriculares obxecto de avaliación, como o número e o tipo de preguntas ou tarefas adecuaranse á duración do exercicio. A tal fin, terase en conta que o alumnado necesitará dedicar un tempo significativo tanto á lectura e á análise da posíbel documentación achegada, como ao deseño da estratexia para a resolución das preguntas ou tarefas expostas", sinala o documento.

No caso de que as preguntas ou tarefas o requiran, para a realización dos exercicios das diferentes materias, o alumnado poderá facer uso de documentos ou ferramentas auxiliares, tales como dicionarios, calculadora, formularios ou táboas.

En todo caso, a norma matiza que o uso deste material estará condicionado ás características de cada materia e aos criterios de avaliación aplicábeis. Para ese efecto, as comisións organizadoras da proba estabelecerán os materiais dos que o alumnado poderá facer uso e, no seu caso, o material que en ningún caso poderá ser utilizado.