Xuízo do Alvia

Aseguradoras dubidan que as secuelas dos feridos no Alvia sexan consecuencia do accidente

Vista xeral da sala da Cidade da Cultura na que decorre o xuízo polo accidente do Alvia. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
Vítimas do sinistro acontecido en Angrois (Compostela) o 24 de xullo de 2013 que deixou 80 falecementos enfrontáronse ás compañías aseguradoras de Renfe e Adif.

As aseguradoras de Renfe e Adif puxeron en dúbida nesta segunda sesión da fase de responsabilidade civil do xuízo polo accidente do tren Alvia que as secuelas dalgunhas das persoas feridas sexan consecuencia dos golpes sufridos no descarrilamento.

Foi o caso dun viaxeiro que perdeu a visión após o sinistro ferroviario e que por ese motivo tivo que deixar a súa profesión. "Amaba a miña profesión. Ter que cortar con iso foi moi traumático, cambiar a miña vida totalmente", declarou esta testemuña.

Na quenda da aseguradora de Renfe, QBE, a súa avogada preguntoulle polo seu nivel de visión antes do accidente. "Era suficiente. Tiña unha saúde visual delicada. Tiña que coidala e corrixir a miña visión con lentes e tiven problemas de saúde ocular, pero nada me fixera deixar a miña actividade profesional e necesitar axuda na miña vida diaria", respondeu este home.

Neste sentido, e ante as cuestións da letrada desta aseguradora, a testemuña admitiu que "vía menos que outras persoas pero podía desempeñar a miña profesión", segundo remarcou.

"A mesma véspera do accidente eu estaba a traballar. Tiña compromisos antes e despois do accidente. Se quere facer ver que o accidente non tivo que ver... non sei entón como houbo un antes e un despois", subliñou o home.

Nese momento, de feito, interviu a xuíza para recriminar á avogada da aseguradora de Renfe porque "iso teríallo que preguntar ao forense".

A continuación interviu o avogado de Allianz, quen incidiu no interrogatorio a esta vítima do accidente, en busca dos informes médicos que dixesen que o seu estado actual de saúde se debese ás lesións polo sinistro.

Nun momento dado, apuntou, de feito, a unha conferencia que a testemuña deu en 2019, relacionada coa profesión á que se dedicaba con anterioridade.

"Unha conferencia? Pódolla dar agora tamén. Non é unha actividade profesional, é unha actividade de sentarme e falar", respondeu a testemuña, que "na actualidade" ve puntos de luz, pero non así o que ten diante, e remarcou que "a deterioración foi progresiva".

A maiores, o letrado da aseguradora de Adif cuestionou a este home por "canto lle paga" á persoa que lle atende no seu día a día.

"É a miña parella, que é unha persoa marabillosa. Quero dicilo desde aquí", resaltou a testemuña, emocionado. "Non hai pago algún?", repreguntou o letrado, ao que o home contestou que “non”.

"Pensei que ía morrer esmagado"

"Pensei que morría. Dixen, vou morrer esmagado", advertiu este sobrevivente da traxedia durante a descrición do vivido na curva da Grandeira ante o seu avogado, que é o que representa a asociación de prexudicados Apafas.

Segundo explicou, "a viaxe pareceu normal todo o camiño, até que se chegou á curva". Logo tivérono que sacar do interior do convoi: "Estaba sentado en dirección á marcha e ao comezar a curva sentín que me ía e saín despedido do meu asento e fun voando ao outro extremo do vagón. Impactei de lado, rompín dúas costelas e caín ao chan boca arriba. Aí empezáronme a caer... Empecei a sentir impactos de obxectos cun ruído infernal", lembrou.

Cando todo pasou, "non podía ver". "Tiña a cara ensanguentada, non vía nada e non me podía incorporar. Estaba en pánico porque non podía saír de aí. Só pensaba 'que me saquen de aquí. Veu alguén e sacoume das axilas, arrastrándome", segundo proseguiu.

Tensión postraumática

Algo similar ao acontecido con esta vítima sucedeu na quenda doutra máis nova que sofre tensión postraumática desde entón, posto que se "cronificou", segundo declarou unha das especialistas que a trata.

A avogada de QBE interesouse polas limitacións que isto lle supón para o seu quefacer diario, tratando de evidenciar que pode levar unha vida "normal", mentres que o de Allianz quixo saber se un trastorno que a afecta pode proceder da existencia "dalgún problema na familia".

Con anterioridade acababan de comparecer, tamén como testemuñas, os pais desta sobrevivente. "O primeiro ano pasouno moi mal. Tiña pesadelos, caía da cama. Agora non se expresa, por moito que a preguntamos", afirmou a súa nai.

Ansiedade

"Moita ansiedade" e "moita angustia" é a que asegurou sentir outra das vítimas que declarou esta cuarta feira, case 10 anos despois da traxedia, sobre todo "cando se achega a data" do aniversario, o 24 de xullo de 2013. "É cando se me revolve todo outra vez", subliñou.

Como a gran maioría dos que compareceron nestas dúas xornadas da parte que dirime a responsabilidade civil no xuízo, esta muller sinalou que escolleu viaxar en tren porque lle parecía o medio "máis seguro".