O ascenso da Ómicron BA.5 volve disparar a Covid

Este nova suba da Covid chega tempo despois do fin das restricións, mais a recomendación de máscara, distancia e ventilación mantense. (Foto: Arxina).
Desde primeiros de xuño persoal médico advirte un incremento da Covid silente e xeneralizado. A suba é global, afecta países de todo o mundo e persoas de todas as idades, aínda que só as maiores de 60 saen nas estatísticas. A proliferación das novas liñaxes de Ómicron explican este aumento.

Tras unha "sétima vaga case pantasma", o persoal médico de familia alerta da chegada dunha "oitava onda" de Covid alentada pola expansión das subvariantes BA.4 e BA.5 de Ómicron.

Case 100% das infeccións por coronavirus que se rexistran están causadas por esta variante, detectada por primeira vez a finais de 2021. Foi a responsábel da sexta vaga após un aumento explosivo da transmisión. Daquela variante orixinal apenas queda rastro nos laboratorios de secuenciación. Segundo o último informe actualizado da situación epidemiolóxica das variantes de SARS-CoV-2 no Estado español, divulgado polo Ministerio de Sanidade, a porcentaxe estimada de Ómicron para a liñaxes BA.4 e BA.5 na semana 24 de 2022 (do 13 ao 19 de xuño) na Galiza era de 76,3% fronte 23,7% de BA.2 e 0% das subvariantes BA.1 e BA.3.

A subvariante BA.5 de Ómicon é máis infecciosa

Todo apunta que as subvariantes BA.4 e BA.5 serán as protagonistas nas próximas semanas, nomeadamente a segunda, cunha expansión acelerada que vai camiño de convertela en dominante xunta a BA.4. Nos Estados Unidos xa é responsábel de 40% das infeccións detectadas. E en Europa amosa unha evolución similar. 

Máis infecciosa e evasiva

Portugal foi o primeiro país da nosa contorna no que se detectou a liñaxe BA.5. Chegou a converterse en dominante no mes de maio cun incremento da incidencia de casos de Covid que, malia todo, mantivo os hospitais afastados dunha presión asistencial comparábel á de ondas anteriores. Hoxe, ao mesmo tempo que a Galiza, o conxunto do Estado e outros territorios europeos acusan un ascenso xeneralizado de coronavirus, Portugal acumula máis dunha semana de descenso.

A subvariante BA.5 de Ómicon é máis infecciosa. Practicamente todos os casos identificados nesta nova vaga implican esta liñaxe, cunha alta capacidade de transmisión e de evasión inmunitaria que facilita o contaxio mesmo de persoas que pasaron a infección hai pouco tempo.

 

A falta de máis información sobre a súa patoxenia, a ciencia conclúe que tanto a BA.4 como a BA.5 son máis contaxiosas que a Ómicron orixinal e producen unha infección que normalmente se manifesta con fatiga, tose, febre, perda de olfacto, dor de cabeza e dor muscular.

"As variantes non son iguais e non se deben tratar da mesma maneira", advertiu onte o portavoz da Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia, Lorenzo Armenteros. "Os síntomas son maiores, obriga a ir a consultas de Atención Primaria e a un maior ingreso hospitalario".

Armenteros advirte do impacto dunha nova vaga que non dá conta "da maioría dos positivos" e só informa "da incidencia acumulada en maiores de 60 anos". As últimas cifras publicadas polo Ministerio sitúan a Galiza por riba do millar de casos por 100.000 habitantes a 14 días, con 1.126, xunto a outros nove territorios do Estado.

Suba xeral desde xuño

As cifras confirman un ascenso xeneralizado da Covid. En Europa, no conxunto do Estado e na Galiza. O último informe epidemiolóxico actualizado onte pola Consellaría de Sanidade recolle un incremento das hospitalizacións e unha caída dos casos activos. Así, após a fin de semana, os hospitais galegos rexistraron  máis dun cento de novos ingresos con Covid, até os 796. Destes, 25 permanecen en UCI e 771 recupéranse desta e doutras doenzas en unidades convencionais.

Agora mesmo estamos indo para arriba de forma clara

Por outra parte, o número de casos activos descendeu até os 14.490 tras se producir 3.028 altas e 1.919 novos contaxios desde a pasada quinta feira. 
Cómpre lembrar que desde finais do pasado mes de marzo o Sergas aplica un novo protocolo que non actualiza as cifras Covid nin domingos nin festivos, pero que se caracteriza sobre todo "por unha taxa de detección moi baixa", explica a Nós Diario, Daniel González Peña, profesor da Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo no campus de Ourense e autor do 'Semáforo Covid Galiza'.

As probas diagnósticas e o estudo de casos vai dirixido só a persoas maiores de 60 anos, embarazadas e inmunodeprimidas; o que deixa fóra das estatísticas gran parte da poboación, confiada aos autotests e ao "autocoidado".

"A nova estratexia detecta poucos casos, pero leva tempo  implantada e serve para indicar unha tendencia, se sobes ou baixas, e agora mesmo estamos indo para arriba de forma clara". Desde primeiros de xuño obsérvase unha suba xeneralizada que afecta tanto ao número de casos, como de hospitalizacións e ingresos en UCI. "Está subindo todo, como é normal nunha vaga".

González Peña non se atreve a falar dun incremento explosivo nin a precisar o pico desta nova onda, que prevé próximo. "Cómpre confirmar primeiro un cambio de tendencia, é dicir, que comezamos a subir máis amodo do que até agora".