Os asasinos de Samuel Luiz non o coñecían antes da malleira mortal

Un momento da concentración da segunda feira na Coruña. (Foto: M.Dylan / Europa Press)
Mentres continúa a investigación, a Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual (ALAS Coruña) pediu loito oficial pola vítima do brutal crime. Continúan abertas todas as liñas sobre a motivación, mais a que ten máis forza entre a cidadanía é a do móbil LGTBifóbico polos insultos que proferían contra Samuel durante a agresión.

A última hora desta cuarta feira transcendeu que as tres persoas detidas como presuntas autoras do asasinato do mozo Samuel Luiz a fin de semana na Coruña non coñecían de nada á súa vítima.

A muller e os dous homes de 20 a 25 anos arrestados na terza feira pola Policía Nacional -que non descartou facer máis detencións- eran amigos entre si, como xa se agardada dado que segundo as amigas de Samuel as primeiras persoas foran chamar máis para propinar a malleira mortal.

No entanto, as primeiras investigacións indican que non coñecían de nada ao mozo ao que mataron.

Loito oficial

En paralelo aos avances que se van dando no caso, a Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual (ALAS) solicitou ao Concello da Coruña que decrete loito oficial pola morte do mozo de 24 anos asasinado no sábado pola malleira en grupo na que puideron participar até 12 ou 15 persoas.

Mediante un comunicado, a organización mostrou a súa confianza en que o traballo de investigación dos corpos policiais "sirva para levar os responsábeis ante a xustiza". "Este asasinato non pode quedar impune e desde ALAS e o seu observatorio faremos canto sexa necesario para que así sexa", sinalou a asociación.

Investigación

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, asegurou que, "de momento", non hai conclusións sobre o móbil do "irracional" e "miserábel" asasinato. "O que nos trasladou o delegado do Goberno [José Miñones] é que as investigacións policiais continúan, que de momento non temos conclusións sobre o móbil ou a causa".

A líder do BNG, Ana Pontón, reiterou a "petición de que se investigue até as últimas consecuencias un asasinato tinguido de homofobia" e que ten provocado enorme conmoción social.

Pola súa banda, a ministra de Igualdade, Irene Montero, condenou o "asasinato homófono de Samuel" e remarcou que "o que che gritan cando te matan si que importa [en relación ao "ímoste matar, maricón de merda" que lle berraron a Samuel os seus asasinos]" á vez que pediu "non normalizar nin branquear" o discurso da extrema dereita.

Aliás, a fiscal xeral do Estado, Dolores Delgado, asegurou que se chegará até o final na investigación e "que se van analizar todos os aspectos para determinar a cualificación xurídico-penal" do asasinato de Luiz.