As rúas galegas recibirán hoxe o inicio da campaña electoral con mobilizacións en nove vilas e cidades

A CIG convoca para esta tarde manifestacións en todas as cidades, baixo o lema “Paremos o PP! Non ao saqueo do pobo. Existen alternativas. Rescatemos os nosos dereitos”, para rexeitaren os Orzamentos aprobados por Rajoy e para "plantar cara á política de recortes de Feijóo". As mobilizacións terán lugar poucas horas antes do inicio da campaña electoral cara o 21-O e nelas reivindicarase tamén "maiores competencias económicas" para Galiza.

 

As rúas das principais cidades e vilas de Galiza recibirán a campaña electoral que encetará pasada a media noite de hoxe, con manifestacións. As mobilizacións convocadas pola CIG teñen por obxecto contestar os Orzamentos Xerais do Estado e as reformas que os seguirán nos videiros meses. e enviar unha mensaxe clara de oposición ás políticas de recortes desenvolvidas polo Partido Popular desde Madrid e a Xunta, e na que previsibelmente insistirá Feijóo no caso de resultar re-elixido o vindeiro 21-O.

O firme apoio de Feijóo ás contas aprobadas polo executivo central, que o colocou como o principal valedor autonómico dos orzamentos que afondan nos retallamentos de servizos públicos e que restan a Galiza 400 millóns de euros, poría en evidencia segundo a CIG cal será a folla de ruta do PP de continuar á fronte do goberno galego.

A central sindical nacionalista desenvolveu durante as últimas semanas unha intesa campaña de denuncia do balance do goberno Feijóo e na que fixeron un chamado explícito a "parar as súas políticas antisociais" nas urnas o próximo día 21. Asemade, a CIG quere reivindicar con esta convocatoria "competencias reais" para Galiza en materia económica, para poder desenvolver as políticas necesarias cara unha saída social da crise.

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, que participará na manifestación de Vigo, amósase partidario mesmo de abordar o debate arredor da saída do euro. “Non podemos afrontar unha crise económica nas circunstancias actuais, sen un banco central que avale a compra de débeda pública, que poida emitir moeda e sen a capacidade de dotarnos dunha política monetaria, fiscal e económica ao servizo dos intereses da maioría social e non da banca europea”, asegura.

Horarios e emprazamento das concentracións:

  • Vigo: 20.00 h desde Vía Norte. 
  • A Coruña: 20.00 h desde a Praza de Vigo
  • Pontevedra: 20.30 h desde a Praza da Ferrería
  • Ferrol: 20.30h desde a Avenida de Esteiro
  • Compostela: 20.30 h na Praza Roxa
  • Lugo: 20.30 h desde Ronda da Muralla, 58
  • Ourense: 20.00 h no pavillón dos Remedios
  • Vilagarcía: 20.30h na Casa do Mar
  • Foz: 20.00 h na Casa do Concello