"Non podemos votar un partido que nos está a eliminar dereitos que custaron anos e moitos sacrificios conseguir"

Francisco Miranda Vigo, Secretario confederal de comunicación e propaganda da CIG
Francisco Xosé Miranda Vigo, secretario confederal de comunicación e propaganda da CIG, debulla nesta entrevista a campaña de denuncia dos tres anos de Feijóo que a CIG está a desenvolver coas manifestacións convocadas para o 4 de outubro como horizonte.

Entrevistamos a Francisco Xosé Miranda Vigo, o secretario confederal de comunicación e propaganda da CIG, coincidindo coas concentracións convocadas para esta sexta polo sindicato nacionalista contra os recortes previstos nos Orzamentos xerais do estado. Miranda Vigo debulla para Sermos Galiza a campaña de denuncia dos tres anos de Feijóo que a CIG está a desenvolver, coa vista posta no 4 de outubro, para cando convocan manifestacións nas cidades coincidindo co inicio da campaña electoral.

A CIG vén de encetar unha campaña de denuncia dos tres anos de gobernos de Feijóo. Cales serán os eixos da mesma?

"Atopámonos diante da agresión máis brutal dos últimos anos contra a clase traballadora e o conxunto da poboación galega"

O deseño da campaña ten tres eixos principais. Primeiro concienciar e mostrar a necesidade de que o PP mude as súas políticas agresivas contra as e os traballadores e desaloxar a este partido da Xunta de Galiza.

Segundo, poñer negro sobre branco que as medidas económicas e sociais do PP e de Alberto Núñez Feijoo, durante estes tres anos, non trouxeron máis que penalizacións e miseria para as clases populares do noso país. Penalizacións e castigos brutais como a desaparición de dereitos das e dos pensionistas, conxelacións salariais para as e os empregados públicos, represión xudicial e policial contra quen discrepa, privatización e precarización do ensino e a sanidade, brutal incremento do desemprego, desmantelamento de sectores produtivos vitais para o noso país como pode ser o naval, a automoción… En definitiva, atopámonos diante da agresión máis brutal dos últimos anos contra a clase traballadora e o conxunto da poboación galega.

Finalmente, facerlles chegar dunha maneira moi simple e didáctica ás e aos traballadores a idea de que se nos mobilizamos e lle facemos fronte a estas políticas podemos mudar esta realidade, o importante é ter claro que existen alternativas, que podemos reconducir esta situación e que é posíbel e necesario outro sistema económico e social, máis xusto solidario.

Emprazaron a CC.OO e UGT para apoiaren a convocatoria de mobilizacións proposta pola CIG, cal foi a súa resposta?

Tras o gran éxito das mobilizacións do 19 de xullo, nas que coincidimos --despois de moitos anos--cos sindicatos estatais, a Executiva e o Secretariado Confederal da CIG tomaron a resolución de continuar coa unidade de acción con estas centrais co obxectivo de concluír nunha convocatoria de folga xeral conxunta en Galiza.

Infelizmente, o sometemento destes sindicatos á dirección de Madrid non fixo posíbel a continuidade nestes momentos desa unidade de acción. O seu calendario está totalmente ditado polas súas executivas estatais e non teñen en conta para nada a situación concreta do noso país. Non é entendíbel que diante dun proceso electoral que vai ser un referendo non só para Galiza senón para o resto do Estado español, non prioricen a unidade de acción coa CIG. Continúan a dilatar unha resposta firme contra as agresións do PP.

A imaxe gráfica da campaña recolle mensaxes moi contundentes, como o lema "Paremos o PP, non ao saqueo, existen alternativas" ou a viñeta que equipara que unha ou un traballador vote Partido Popular cun suicido...

Como expliquei, pretendemos facer chegar unha mensaxe sinxela e moi gráfica sobre o que significa nestes momentos tomar partido por unha ou outra opción política. Temos que lograr que a clase traballadora, que somos as e os menos favorecidos por este sistema, sexamos conscientes de que entre as armas que temos está o noso voto.

Ninguén cun mínimo sentido de clase pode votar a un partido que lle está a eliminar dereitos que custaron anos e moitos sacrificios conseguir.

Que accións están a desenvolver no marco desta campaña?

Afrontamos estas mobilizacións como se estiveramos convocando unha xornada de loita. Temos moita militancia e delegadas e delegados da central sindical elaborando e colando faixas polas distintas localidades do país.

Distribuiremos máis de 50.000 folletos coa imaxe do “suicidio” á que aludiades anteriormente, colocaremos cartaces nos taboleiros de anuncios de todas as empresas, estamos a celebrar asembleas nos centros de traballo e nos propios locais do sindicato e imos convocar actos públicos nas rúas. Esas son as principais accións desta campaña.

As mobilizacións comezarán o mesmo día que o goberno español presentará os orzamentos para o vindeiro ano. A que se debe esa coincidencia?

A coincidencia obviamente non é casual, cando comezamos a deseñar a campaña sabíamos que o 28 de setembro o Goberno español pretende aprobar os Orzamentos para o ano 2013, e como xa nos teñen acostumados prevemos que incluirán máis medidas negativas contra a clase traballadora.

Este mesmo mércores xa anunciaron outra agresión contra as e os traballadores da área pública cunha nova conxelación salarial.

A campaña electoral galega comeza o día 4 de outubro, data en que tamén convocan manifestacións comarcais. Que obxectivo pretende acadar a CIG con esta nova vaga de mobilizacións?

"As e os traballadores temos que nos implicar cando se está a xogar co noso futuro e co dos nosos fillos e fillas"

Para a Confederación Intersindical Galega estas eleccións autonómicas teñen unha importancia fundamental, tendo en conta o actual contexto económico e social. A CIG, como organización social, non pode quedar á marxe mentres se aniquilan dereitos esencias para a poboación e se empobrece aínda máis as clases populares. Non é momento de pasividade. Nós identificamos e denunciamos o noso inimigo, o neoliberalismo, e o seu executor, o PP. Polo tanto, dende o lugar que nos corresponde poñemos os instrumentos e mecanismos necesarios ao servizo das e dos traballadores para mudarmos esta situación. Este venres estaremos denunciando nas rúas de Galiza o orzamentos do Estado e o día 4 de outubro manifestarémonos en todas as cidades coincidindo co inicio da campaña electoral. As e os traballadores temos que nos implicar cando se está a xogar co noso futuro e co dos nosos fillos e fillas.