CO LEMA "O ABORTO É UN DEREITO. DECIDIR FAINOS LIBRES"

As concentracións polo dereito ao aborto continúan en agosto

A Coordenadora Nacional da Marcha Mundial das Mulleres convoca concentracións todas as terzas feiras do mes, a partir deste día 7, ás 20.30 diante do MARCO de Vigo, para continuar respondendo ao ataque do goberno central contra o dereito das mulleres a decidir sobre o seu corpo.

Ao fío da entrevista de Gallardón en La Razón o 22 de xullo, prevese un retroceso con respecto á lei de prazos que permitía as mulleres interromper o embarazo até as 14 semanas, 22 no caso de risco para a súa saúde ou malformacións no feto. Volvería, así, o sistema que penalizaba o aborto agás en tres supostos, e aínda eliminaría o das malformacións do feto, polo que de novo criminalizaría ás mulleres por exerceren o dereito a decidir sobre o seu corpo, impondo a maternidade obrigatoria.

Fronte a estas declaracións, feitas xusto antes do período vacacional, a Marcha propón unha resposta urxente. "Para nós é unha maneira de facer visíbel a loita, de dicir que non estamos desmobilizadas, que somos cidadás", di Tereixa Otero, da coordinadora local de Vigo. Valora moi positivamente as concentracións do movemento feminista que tiveron lugar nas sete cidades galegas o pasado 30 de xullo, e sinala que cada vez hai maior conciencia de que esta é unha loita de toda a cidadanía, e máis participación.

Sinala a incoherencia de "protexer a toda costa que o feto é un ser humano", preservando un suposto dereito á vida, e, ao tempo, "desarticular os servizos públicos, eliminar axudas aos centros de atención a persoas discapacitadas, ou sumarlle carga lectiva aos orientadores". "O caso é que naza, mais despois a responsabilidade do seu coidado recae toda sobre as mulleres". Equipara este discurso ás publicacións dos anos 40 e 50, que responsabilizaban ás nais de non alimentaren ben os seus fillos, en plena posguerra. "É todo unha cuestión ideolóxica".

Ao seu ver, é a "moralidade católica" a que marca esta ideoloxía: "son débedas que o PP ten co Opus Dei", e que callaron xa en Galiza coa aprobación da iniciativa lexislativa popular da plataforma antiabortista Red Madre, e o posterior desenvolvemento da Lei de apoio á Familia e á Convivencia, malia a súa inconstitucionalidade. "A resposta está en botarnos ás rúas", afirma. 

NOTA: no número 8 do noso semanario poderedes ler O corpo das mulleres, campo de batalla. Encarna Otero, María Xosé Queizán e Begoña Caamaño analizan esta ofensiva contra o dereito das mulleres a decidir.