DEREITOS FUNDAMENTAIS

''Se o aborto non está garantido, a maternidade é unha obriga''

Cabeceira da manifestación do 8 de Marzo
Mari Fidalgo, da Rede Feminista Galega, e Nanina Santos, redactora da revista 'Andaina', debaten sobre este dereito despois de que a Xunta decidise considerar as mulleres embarazadas "unidade familiar" e cando o Goberno español baralla, no eido legal, un retroceso cara á normativa de 1985

En 1976, as feministas galegas, armadas de información, emprenderon unha campaña para concienciar sobre sexualidade e anticonceptivos. Reclamaron o aborto, daquela penalizado e relegado á clandestinidade, para todas as mulleres que chegasen a un embarazo non desexado. E foron insultadas, repudiadas, por se atreveren a clamar en alto polos seus dereitos.

Pasaron 36 anos. E polo medio...

... os xuizos de Basauri (Biscaia). O feminismo consegue colocar riba da mesa un problema social e político que até entón ficara no eido privado. Faino en 1979. Máis de 1.300 mulleres asinan unha carta autoinculpándose por teren abortado, en solidaridade coas once compañeiras imputadas por non querer ser nais

... a achega de modificación do Código Penal en materia do aborto de 1985, proposta polo PSOE xa no 83 e que ficou dous anos paralizala 'grazas' a un recurso de inconstitucionalidade interposto polo Partido Popular. A interrupción voluntaria do embarazo tórnase legal en tres supostos: violación --denunciada--, perigo de malformación do feto ou risco grave para a saúde da nai

... a Lei do Aborto que sacou adiante o Goberno de Zapatero, no 2010, unha norma de prazos onde este dereito podería exercerse libremente durante as 14 primeiras semanas de xestación, e até as 22 se existise "grave risco para a saúde da nai ou graves anomalías no feto". As mulleres podían abortar a partir dos 16 anos sen consentimento da nai nin do pai, e garantíase a confidencialidade das pacientes

... a reforma da lei que prepara a dereita, encabezada polo titular de Xustiza no Goberno español, Alberto Ruíz-Gallardón. Literalmente, o modelo a seguir é o de 1985 e as mulleres terán que volver dar explicacións para interromper un embarazo que non desexan

Un dereito fundamental
Con este panorama como pano de fondo, dúas feministas galegas xúntanse n'As Dúas, a taberna feminista de Compostela, para compartiren unha bebida quente acompañada de torradas con marmelada de mazá feita na casa, e para afondar, co permiso de Hildegart, "no tipo de sexualidade que queremos as mulleres". Mari Fidalgo forma parte da Rede Feminista Galega e sitúa o aborto "máis aló dos dereitos sexuais e reprodutivos. É un dereito fundamental, a decidir sobre o noso corpo, un campo de batalla controlado polo patriarcado".

No contexto de crise económica actual, Fidalgo fala dunha "ofensiva ideolóxica de grande calado". Turrando da corda, vai enumerando os distintos eidos onde se exerce control e se lles nega ás mulleres a súa autonomía: "sobre o noso corpo, sobre os nosos tempos, sobre os nosos espazos e até sobre as nosas condicións laborais". Mais Nanina Santos, integrante da equipa de redacción de Andaina, non comparte o contexto no que situar este debate. "A ofensiva ideoloxía no Estado español está circunscrita á xerarquía da Igrexa Católica, con Rouco Varela á cabeza", apunta, considerando que ás institucións coma o FMI "non lles preocupa" o aborto.

Apurando un grolo de té, Fidalgo insiste en que este "ataque" aos dereitos das mulleres "é correlativo co proxecto poboacional para Europa neste momento", alentando a maternidade e colocándolle no colo ás inmigrantes unha función reprodutiva. Pola súa banda, Santos entende que "a liña ideolóxica está no eido relixioso. A Igrexa segue metida nos centros escolares. Non é unha aliada do capitalismo, é a punta de lanza que se cobra os servizos prestados de calquera xeito posíbel".

Decorrendo a conversa, Fidalgo e Santos cadran na súa opinión sobre o último golpe asestado desde a Xunta, considerando ás mulleres embarazadas coma unha "unidade familiar" nas axudas á vivenda. "Iso é ir máis aló! A muller é unha unidade por si mesma e, se queda embarazada, é unha muller embarazada", salienta a redactora de Andaina. Mais a integrante da Rede avoga por non esquecer que "hai que colocar este ataque á nosa autonomía a carón doutros que pasan desapercibidos, mais que tamén existen", en relación ás masivas detencións de persoas --xa mulleres na súa maioría no Estado español-- por careceren dunha documentación. "Tamén iso é un atentado contra o noso corpo!", espeta Fidalgo.

Aborto libre?
Coa mesa xa recollida, o seguinte punto do debate céntrase nas condicións dese aborto que as dúas reclaman: na rede sanitaria pública e coma un dereito das mulleres a decidirmos. "Non pode ser que o poder adquisitivo importe, ou que os problemas nosos importen menos", apunta Mari Fidalgo, e Nanina Santos engade que "nós decidimos se queremos ser nais, cando, como e con quen. E nese marco ten que entrar o aborto, como aval dunha maternidade libre. Se non está garantido, esta é unha obriga".

Maternidade libre. Non hai lugar a dúbidas. Mais... aborto libre? "Non son partidaria do aborto libre porque non son partidaria dun aborto aos oito meses", di Santos, quen concorda coa postura de máximos defendida pola OMS: 24- 28 semanas. "Á muller que aborta aos oito meses poderei apoiala persoalmente, mais non como exercicio dun dereito". Mari Fidalgo non está de acordo. Para ela o debate ten un claro cariz filosófico, e considera que a responsabilidade de cada muller non se consegue regulándoa nunha lei. "Na propia loita debe existir unha postura de máximos, e non se pode falar de aborto sen falar de educación afectivo-sexual", conclúe.

Máis alá das discrepancias, Mari Fidalgo e Nanina Santos consideran que o aborto ten que estar garantido. "Fillos... os que Deus nos dea? Non señor! Fillos os desexados, non os obrigados por unha imposición relixiosa nin pola negativa dun dereito", di a traballadora de Andaina, quen lembra que "xa non estamos na Idade de Pedra, cando foder dunha determinada maneira implicaba parir". Nesta mesma liña, as dúas defenden que unha menor de 16 anos poida abortar sen o consentimento da nai ou do pai: "é madura abondo para decidir perfectamente, e ten dereito a equivocarse". En resumidas contas, o corpo das mulleres non pode ficar, para Mari, "ao servizo dos poderes" e, para Nanina, "ao servizo da xerarquía da Igrexa católica".