Gallardón regresará á lei de supostos do aborto do 85 mais eliminará o da malformación do feto

Nunha entrevista concedida a un medio próximo á ala máis radical do PP, o Ministro de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón ven de anunciar que o goberno prepara unha reforma da lei do aborto na que se volverá a un sistema de supostos máis restrictivo que o da lei do 85. Pretende eliminar a malformación do feto como un deles.

 


 Alberto Ruíz Gallardón anuncia a reforma lexislativa nunha entrevista publicada hoxe no diario La Razón, o xornal que alenta á facción máis extremista do PP. O ministro xa tiña anunciado previamente o regreso á política de supostos para o aborto, previa á lei de 2010 na que se contemplaba a interrupción libre do embarazo durante as 14 primeiras semanas. Porén, é a primeira vez que se pronuncia ao respecto da eliminación dunha das tres causas contempladas na lexislación anterior.

 

Confirma polo tanto o ministro o regreso ao sistema de supostos de 1985 mais anuncia a revisión de supostos, en concreto, o que contemplaba o aborto en caso de malformación do feto. Segundo Gallardón, a razón para esta medida é que se está a desprotexer ao “concebido permitindo o aborto polo feito de que teña algún tipo de minusvalía ou de malformación”. Vai máis alá o ministro ao afirmar que, ao seu ver, é “eticamente inconcebíbel” que se teña convivido todo este tempo coa lexislación.

A lei do 1985 despenalizaba o aborto no suposto de risco para a saúde físia e psíquica da nai, violación e malformacións graves no feto. En 2010 aprobouse a “Lei orgánica de saúde sexual e reproductiva e da interrupción voluntaria do embarazo” que contemplaba un prazo de aborto libre para as mulleres maiores de 16 anos de 14 semanas. Até a semana 22 permitiríase ao aborto polo risco da saúde física e psíquica da nai e a partir daí só ao descubrírense anomalías “incompatíbeis coa vida ou enfermidade extremadamente grave e incurábel” do feto. Con anterioridade, o goberno do PP xa provocara un debate ao anunciar a eliminación da idade de 16 como maioría para as mulleres tomaren a decisión de interrumpir o embarazo.