O feminismo chama ás rúas para pedir ''alto e claro'' o aborto legal

Após o último ataque de Gallardón á autodeterminación das mulleres, impondo a maternidade en supostos de malformación do feto, propoñen un bloco conxunto do movemento feminista para visibilizar tamén as reivindicacións propias. Sería durante as concentracións do 30 polo emprego público

Perante o último ataque á autodeterminación das mulleres, feita pública polo ministro de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón, no diario español de extrema dereita La Razón, o movemento feminista chama na Galiza a unha mobilización conxunta na segunda feira día 30, facendo un bloco común ao secundaren as concentracións convocadas polas centrais sindicais nas sete cidades en defensa do emprego público "para dicir alto e forte que non estamos dispostas a perder os nosos dereitos". De saír adiante a proposta, as horas e lugares das protestas serían os que seguen:

  • A Coruña, saída ás 19:30 horas dende a Praza de Pontevedra
  • Ferrol, saída ás 20:30h dende a Praza de España
  • Santiago de Compostela, saída ás 19:30 horas da Praza Roxa
  • Lugo, saída ás 19:30 horas dende o Edificio administrativo da Xunta
  • Ourense, saída ás 20:00 horas dende o Pavillón dos Remedios
  • Pontevedra, saída ás 20:30 horas dende a Praza da Ferreiría
  • Vigo, saída ás 20:30 horas dende a Vía Norte

Así as cousas, Gallardón anunciara hai tempo que a nova regulación do aborto nos devolvería até a lei de supostos de 1985, cando o exercicio deste dereito ficaba dentro do legal se a muller fora violada --e denunciara--, se había malformacións no feto ou ante un grave risco para a súa saúde. O atraso, de clara tintura ideolóxica, era xa importante, fronte a lei de prazos de 2010 actualmente vixente, onde este dereito pode exercerse libremente durante as 14 primeiras semanas de xestación, e até as 22 se existise "grave risco para a saúde da nai ou graves anomalías no feto". As mulleres podían abortar a partir dos 16 anos sen consentimento da nai nin do pai, e garantíase a confidencialidade das pacientes.

Nin os prazos nin os supostos convencían a moitas feministas. Querían ir máis aló, a unha postura de máximos, e pugnaban polo aborto libre partindo do argumento de que a responsabilidade das mulleres --para frear o falso discurso de que se alentarían abortos aos sete ou oito meses-- non se consegue regulando nunha lei, para alén de que a despenalización deste dereito deberá ir acompañada do reforzo da educación afectivo-sexual.

Mais a labazada asestada por Gallardón é tal que toca formular máis unha vez a eterna pregunta: a quen lle pertence o corpo das mulleres? Dixo o ministro español que non se pode discriminar un ser non nato porque traia malformacións, polo que este suposto desaparecerá da lei e o retroceso no tempo devólvenos 30 anos atrás. Tamén dixo o titular de Xustiza que é a protección do feto a razón que o move a lexislar contra a soberanía das mulleres sobre os seus propios corpos, mais non especificou como garantirá a protección desa crianza unha vez fóra do útero materno. Mentres a tesoura segue a avanzar polos dereitos que contemplaba a lei de dependencia, devolvendo as mulleres ao rol que manda o xénero: nais e coidadoras.


NOTA: no nº8 do noso semanario poderedes ler O corpo das mulleres, campo de batalla. Encarna Otero, María Xosé Queizán e Begoña Caamaño analizan a última ofensiva da Igrexa católica executada polo Goberno español