O Hospital da Mariña retira a pancarta que denunciaba a "deterioración" da atención sanitaria
Adri Pardo, Neira Brochs e Pedro Cabarcos asinan unha obra creada para ficar exposta á intemperie e deteriorarse até desaparecer, porén, a dirección do hospital ordenou a súa retirada apenas unah hora despois da súa presentación.
Artistas plásticos da Mariña reuníronse no exterior do hospital comarcal, situado en Burela, para realizar unha 'pancarta-cadro' coa que pretenden simbolizar a "deterioración" do servizo sanitario como resultado do paso do tempo sobre a obra artística, que por desexo dos seus creadores debería ficar exposta á intemperie.
"Somos pacientes do hospital, ademais de artistas", explica Pedro Cabarcos, un dos autores da pancarta. Xunto a Adri Pardo e a Neira Brochs, é un dos responsábeis desta acción que busca solidarizarse coas queixas recorrentes do persoal. "Entón, estamos implicados na nosa propia atención", engade Cabarcos.
Malia as expectativas do grupo de artistas, que contou co apoio da xunta de persoal, profesionais e pacientes, a pancarta foi retirada apenas unha hora despois da súa presentación pública por orde da dirección do centro hospitalario, segundo denunciou nas súas redes sociais a CIG-Saúde na Mariña."A pancarta de todas e de todos: doentes e profesionais foi retirada por orde da dirección do Hospital da Mariña en menos dunha hora logo do remate da concentración", informou, ao tempo que anunciaba unha resposta contundente contra unha decisión que consideran unha forma de "represión" dunha protesta lexítima que combina arte e denuncia. "A represión non calará as protestas de doentes e profesionais na defensa dunha sanidade pública digna e de proximidade, dende A Mariña e para A Mariña".
Os tres artistas decidiron pintar unha obra que debería quedar exposta no exterior das instalacións para comezar a deteriorarse ante a falta dunha previsión e de coidados. O resultado final debera ser a destrución e desaparición da obra como metáfora "do que nos pode ocorrer como pacientes". "É un pouco o que está a pasar coa sanidade aquí no hospital. Isto non é cuestión dun día, é cuestión de moitos días e moitos meses", sinalaba Cabarcos antes de se coñecer a decisión última da Dirección do Hospital Público da Mariña.
A pancarta creada polos tres artistas da Mariña ten unha dimensión de cinco metros de ancho por un de alto e na parte inferior pódese ler o slogan que o persoal sostén nas concentracións que realizan diariamente ás 11 horas: "En defensa dos pacientes da Mariña". Cada un dos artistas debuxou distintas caras, incluída unha reinterpretación de O berro, de Munch.
O que non se coida, pérdese
Coa súa obra pretenden xerar un paralalismo con outras creacións que "normalmente acaban nun museo", onde son conservadores quen se encargan da súa preservación. "Se [a obra] non se coida, se non temos algunha atención sobre ela, acaba perdéndose", reflexiona o artista mariñao.
Este proceso trasládao ao "coidado" e os recursos que necesita a atención sanitaria para poder mantela en boas condicións: "O único que temos para poder traballar, para poder pintar ou para facer calquera outra actividade é a saúde". "Se non temos atención, todo se perde", resume Pedro Cabarcos, quen avanza que acabarán por "romper" a pancarta para visibilizar o fin da obra e simbolizar o que pode ser tamén un desenlace fatal para a sanidade pública da Mariña.
Artistas e pacientes
Segundo relatou o trío de artistas, coma o resto da veciñanza, están a vivir en primeira persoa as situacións que o persoal do hospital xa denunciou en reiteradas ocasións, como é o traslado de pacientes a outros hospitais debido á falta de facultativos.
Pedro Cabarcos, por exemplo, ten que asistir a dúas consultas e para unha delas, ten que desprazarse até a Lugo. "Con todo o que me supón", denuncia, en relación ao tempo consumido e aos gastos por desprazamento. "Algo que non lle ocorre a ningunha persoa de calquera cidade que pague os mesmos impostos ca min", engade.
"Teño un hospital aquí. Non teño por que desprazarme para facer unha simple radiografía do que sexa", critica Cabarcos, que, ademais, lembra que estivo a esperar oito meses para realizar unha operación de cadeira. "Necesitamos ter exactamente os mesmos servizos que hai nas cidades e non se nos pode penalizar por estar a vivir aquí no norte", resume.

