Arquivan a denuncia contra a xuíza que quitou a custodia a unha nai por vivir na “Galiza profunda”

Ría de Muros-Noia, considerada pola xuíza a "Galiza profunda" (Imaxe: Nós Diario).

O Consello Xeral do Poder Xudicial acordou na sexta feira o arquivo da denuncia interposta contra a titular do Xulgado de Primeira Instancia número 7 de Marbella pola letrada dunha muller á que privou da garda e custodia do seu fillo ao considerar que no auto se empregaban expresións, como a da "Galiza profunda", que podían ser constitutivas dunha infracción das previstas na Lei Orgánica do Poder Xudicial.

A decisión de arquivo adoptouna o promotor da acción disciplinaria no marco da Comisión Disciplinaria. É o encargado da recepción de queixas sobre o funcionamento dos órganos xudiciais, a recepción de denuncias, así como a iniciación e instrución de expedientes disciplinarios e a presentación dos cargos ante a Comisión Disciplinaria.

Nun comunicado, o CXPX informa de que no acordo de arquivo, o promotor sinala que o artigo 418.6 LOPX tipifica como falta grave "a utilización nas resolucións xudiciais de expresións innecesarias ou improcedentes, extravagantes ou manifestamente ofensivas ou irrespectuosas desde o punto de vista do razoamento xurídico".

E engade que o Consello só poderá proceder nestes casos "previo testemuño deducido ou comunicación remitida polo tribunal superior respecto de quen ditou a resolución". Apunta que é un requisito que non se dá no caso denunciado, pois non consta que o tribunal deducise testemuño ou remitise comunicación algunha.

O acordo, que xa foi notificado á denunciante, cita tamén xurisprudencia do Tribunal Supremo, entre ela a sentenza da Sala Terceira do 4 de decembro de 2020, cuxo fundamento xurídico sinala que "o que taxativamente estabelece (o art. 418.6 LOPX) é que o Consello Xeral do Poder Xudicial non pode proceder en relación co tipo das 'expresións innecesarias ou improcedentes, extravagantes ou manifestamente ofensivas ou irrespectuosas desde o punto de vista do razoamento xurídico” sen o requisito de procedibilidade.

Foi a titular do Xulgado de Primeira Instancia número 7 de Marbella quen acordou dar a custodia dunha menor ao pai atendendo aspectos como o feito de que a nai viva na "Galiza profunda".

A nai presentou a finais de outubro unha queixa ante o CXPX. E anunciou que solicitaría a súa recusación e pediría a nulidade das actuacións. "Buscamos un xuíz imparcial", asegurou entón a Europa Press a letrada da nai, Claudia Traba, quen cualificou de "discriminatorio" o contido do fallo, pero tamén criticou os "descualificativos" que, segundo remarca, se vertían cara á súa clienta.

O uso da expresión pexorativa motivou que o BNG presentara unha iniciativa ao respecto no Congreso. Tamén, froito dunha proposta da formación nacionalista, o Parlamento da Galiza chegou a aprobar unha declaración institucional para rexeitar a citada expresión.