A arquitectura como axente para a protección do patrimonio galego

No centro da foto, o escultor Francisco Remiseiro, un dos relatores do ‘Laboratorio da Paisaxe. Escenarios para a vida’.
O concello de Barro vén de acoller a actividade ‘Laboratorio da Paisaxe. Escenarios para a vida’. Trátase dun proxecto de investigación, organizado pola Asociación Cultura Tirante e dirixido pola arquitecta Sheila García, no que converxen diferentes artes co obxectivo de afondar nas relacións co territorio e para darlles visibilidade ás problemáticas da Galiza Baleira e o despoboamento do rural.

O proxecto ‘Laboratorio da Paisaxe. Escenarios para a vida’, iniciado na pasada sexta feira, inaugurouse cunha mostra de boas prácticas á hora de intervir nas construcións tradicionais. Ademais, continúa aberta a exposición fotográfica que recolle unha escolma de proxectos realizados no país nos últimos anos. A raíz deste evento, referentes da arquitectura conversan con Nós Diario sobre como esta disciplina contribúe a manter o patrimonio.

O arquitecto Adrián Capelo, que participou na actividade do concello de Barro, indica para Nós Diario que calquera iniciativa, como a do Laboratorio da Paisaxe, que contemple a reflexión sobre un espazo e o seu futuro e se pregunte como se debería intervir nel, resulta “moi positivo”. Capelo explica que a arquitectura xoga un papel moi relevante á hora de manter o patrimonio, e máis na Galiza, pois o país conta “con moitos núcleos de poboación, moito territorio, moita historia e moitos elementos construídos” polo que resulta “razoábel aproveitar as construcións que temos en vez de construír novas”. 

As solucións que achega a arquitectura

Cecilia López, arquitecta paisaxística que tamén participou no evento de Barro, engade que levar a cabo “un proxecto de calidade pon en valor o patrimonio” existente. López tamén comenta para Nós Diario que a arquitectura resulta un elemento chave á hora de solucionar problemáticas do país como a do despoboamento do rural. “Na Galiza hai un gran patrimonio cultural, e proporcionándolles novas facilidades que favorezan unha maior calidade de vida ás persoas para vivir en lugares que perderon poboación”, pódese conseguir que a xente volva ao rural.

Tanto a rehabilitación de construcións existentes como as novas propostas arquitectónicas, deben respectar a contorna e a paisaxe que as rodea. “O interesante é que exista unha evolución da paisaxe” evitando “destruír as pegadas” que conforman a contorna e sen “romper a historia” do lugar, explica López. 

Para que isto sexa posíbel, cómpre ter en conta diferentes variábeis como “as texturas, as cores, os elementos estruturais ou a cuestión visual”. Este coidado do medio, segundo indica Capelo, non responde unicamente a unha cuestión estética, senón que tamén busca “aproveitar as potencialidades do lugar” pois, “á marxe de que unha construción sexa esteticamente agradábel, hai outras cuestións que son máis importantes” que teñen que ver cunha cuestión “funcional”. 

O papel da Administración

Para que sexa posíbel levar a cabo unha eficiente preservación do patrimonio rural, López sostén que se deben seguir dúas liñas claras: por unha parte, “é moi importante concienciar do valor patrimonial e natural que temos e divulgalo para que sexa respectado”, e, por outra, debe realizarse unha “correcta xestión e unha boa planificación” para coidar da paisaxe e do patrimonio. 

“É moi importante concienciar do valor patrimonial e natural que temos e divulgalo para que sexa respectado”

Pola súa parte, Capelo argumenta que “as Administracións son as garantes de que haxa unha protección efectiva do propio patrimonio e, se non xogan ese papel, imos sufrir unha perda da historia e da memoria que temos” no país, e engade que son “un actor fundamental e o primeiro que debe actuar” ao respecto.

Capelo indica que si se podería comezar a falar dunha corrente arquitectónica que presenta entre os seus obxectivos a preservación e promoción do patrimonio rural. “É unha cuestión xeral, non só do gremio da arquitectura”, explica, e engade que existe unha maior “concienciación de manter e coidar o patrimonio que temos”. Con todo, insiste en que, “para que esa revalorización se produza, é importante que haxa facilidades por parte das Administracións para axudar a que a xente vexa o patrimonio como algo positivo”.