Análise

Moderna periferia

O arquitecto Iago Lestegás prosegue o ciclo de análises de 'Nós Diario'.
O crecemento urbano disperso é insostible. Devora materiais e enerxía, aumenta o tráfico privado e artificializa grandes superficies de solo. (Ilustración: Álex Rozados)
photo_camera O crecemento urbano disperso é insostible. Devora materiais e enerxía, aumenta o tráfico privado e artificializa grandes superficies de solo. (Ilustración: Álex Rozados)

En 1933, un grupo internacional de arquitectos reunidos a bordo dun barco en ruta polo Mediterráneo redactaron a Carta de Atenas e botaron os alicerces do urbanismo moderno. Dende unha óptica hixienista e maquinista que rexeitaba a densidade e mestura de usos da cidade tradicional, este manifesto identificaba catro funcións urbanas —habitar, traballar, recrearse e circular— e proclamaba a súa segregación espacial en zonas diferenciadas.

O urbanismo funcionalista do Movemento Moderno consagrou a zonificación e promoveu a primacía do automóbil. A súa materialización máis paradigmática é o esquema cruciforme de Lúcio Costa para Brasília, pero os principios da Carta de Atenas prenderon en todo o mundo. A partir dos anos 60, moitas cidades medraron a base de grandes edificios monofuncionais exentos, separados por amplos espazos baleiros e agrupados en polígonos cercados por un enguedello de vías rápidas, rotondas, circunvalacións e autoestradas que os conectan con centros comerciais, parques empresariais, grandes equipamentos e outros artefactos espallados polo territorio.

Dispersados os usos e desfigurados os límites urbanos, os habitantes da cidade moderna gastan en monótonos desprazamentos non desexados moito tempo que poderían dedicar aos pequenos praceres da vida. En Soft City (2019), David Sim destaca o desafío que a separación física entre os lugares onde transcorre o día a día supón para o benestar de moitas persoas. O espallamento das actividades cotiás implica máis horas de viaxe, máis tráfico, máis contaminación e máis estrés; por isto promover a compactidade e densidade urbanas é coidar a calidade de vida das persoas.

En La España de las piscinas (2021), Jorge Dioni López analiza os efectos socioespaciais do urbanismo expansivo das últimas décadas e sostén que este modelo promove un estilo de vida individualista e competitivo. No plano formal, a moderna periferia fragmentada caracterízase pola repetición, a monotonía, o sobredimensionamento e mais a pobreza estética. Nada ten a ver cos barrios orgánicos cheos de texturas, detalles, sorpresas e contrastes que herdamos de épocas pasadas. Por que son tan diferentes os espazos que habitamos dos lugares que queremos coñecer?

Non se trata só da substitución da experiencia por unha teoría; o abandono do modelo de cidade compacta é resultado tamén da mudanza no proceso de produción do espazo urbano. Durante séculos, a construción da cidade foi lenta e gradual. Os grandes edificios e amplos baleiros eran felices e coidadas excepcións nun tecido denso e diverso creado por adición de pequenas pezas, similares e coherentes pero diferentes. Nas últimas décadas, pola contra, o crecemento urbano foi impulsado por grandes desenvolvementos homoxéneos e estandarizados —en moitos casos desligados das dinámicas demográficas— nun contexto de crecente protagonismo da industria da construción e do sector inmobiliario na economía.

O crecemento urbano disperso, cuxos impactos negativos sinalou hai xa case un cuarto de século a Estratexia Territorial Europea acordada en 1999 polos ministros responsables de ordenación do territorio da UE, é insostible. Devora materiais e enerxía, aumenta o tráfico privado e artificializa grandes superficies de solo, xerando impactos paisaxísticos e ambientais irreversibles. O modelo expansivo das últimas décadas contribuíu á actual crise climática e o Panel Intergubernamental sobre o Cambio Climático da ONU destaca, no seu último informe, a responsabilidade do urbanismo na loita contra a maior ameaza do noso tempo.

Ademais, a cidade do Movemento Moderno é ineficiente. Promover a compactidade e mais a densidade implica coidar a economía dos fogares e protexer a sustentabilidade financeira dos concellos. Os habitantes da cidade dispersa pagan moi cara a dependencia do coche e os municipios incrementan o seu gasto en servizos e infraestruturas. No seu estudo Costes del 'urban sprawl' para la administración local (2016), centrado no caso valenciano, Eric Gielen bota as contas e conclúe que o urbanismo expansivo aumenta o gasto corrente total dos concellos ata un 28,4% en comparación con modelos máis compactos.

Como sinala Jan Gehl en Cities for People (2010), a vitalidade urbana require unha combinación de calidade (do ambiente construído) e cantidade (de usuarios potenciais). Esta condición dáse nos barrios históricos onde se integran edificios, prazas, persoas e actividades diferentes en espazos compactos de grande beleza e escala humana que son fértiles para o contacto social e aptos para unha mobilidade sustentable e saudable. A ruína destes lugares que condensan séculos de experiencia e sabedoría colectiva —ou a súa transformación en parques temáticos despoxados de residentes— é a outra cara da moeda do urbanismo expansivo.

Comentarios