A participación social centra as Xornadas de Patrimonio Rural de Pontevedra

A participación social nos procesos de recuperación e conservación do patrimonio rural é o tema central das xornadas que chegan a súa terceira edición organizadas polo Concello de Pontevedra. Especialistas e asociacións participan nas III Xornadas de Patrimonio Rural que se desenvolverán do 3 ao 5 de abril. 

Luis Bará
photo_camera Luis Bará

As III Xornadas de Patrimonio Rural organizadas Concellaría de Patrimonio Histórico, que dirixe Luís Bará, terán lugar do 3 ao 5 de abril arredor do tema “Patrimonio e Participación”. A Casa das Campás, onde terá lugar a conferencia inaugural de Manuel Caamaño Suárez, e a Misión Biolóxica de Galiza serán os espazos nos que se desenvolverán estas xornadas que chegan a súa terceira edición cun programa composto por intervencións de especialistas e representantes de asociacións de defensa do patrimonio. 

“O patrimonio galego das construcións rurais da etapa preindustrial” de Manuel Caamaño abrirá o día 3 as xornadas para, xa o día catro continuar a intervención do coordinador do proxecto Patrimoni da Universidade Jaume I de Castellón, Ángel Portolés Górriz, “O proxecto Patrimoni como proceso de revalorización do patrimonio cultural no medio rural de Castellón”. O sábado a sesión comezará coa conferencia do xornalista e profesor da Universidade de Santiago, Manuel Gago titulada “Patrimonio, participación e comunicación”. 

O papel das asociacións

A sexta feira á tarde, están convocadas na Misión Biolóxica representantes das principais asociacións que están a traballar pola recuperación e promoción do noso patrimonio cutural, de maneira especial no ámbito rural. Xosé Lois Vilar Pedreira, director da Sección de Arqueoloxía, do, Instituto de Estudos Miñoranos (IEM), Lois Diéguez, presidente de Lugo Patrimonio, Consuelo Castro, vicepresidenta de O Sorriso de Daniel e Manuel Vilar, vicepresidente do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte serán as persoas que achegarán iniciativas nas que a participación social é a clave para as súas accións. 

Por medio dunha mesa redonda achegaranse tamén propostas institucionais novidosas como o Proxecto Alto Támega do que falará a súa directora Beatriz Comendador Rey,  Museo Aberto de Carnota, que explicará o concelleiro de cultura Iván Franco Caamaño, ou a Vila Romana de Currás, contada pola súa directora Silvia González. 

O programa rematará coa intervención do concelleiro de patrimonio histórico de Pontevedra, Luís Bará dando conta da participación social en proxectos e procesos dá área no concello.  

Para se inscribir, con carácter gratuíto, cómpre dirixirse ao correo electrónico [email protected].

Comentarios