O Tribunal Supremo cede ao poder de Ence e condena a ría de Pontevedra

Ence. (Foto: Europa Press)
O Tribunal Supremo resolveu hoxe a favor dos intereses de Ence e deu vía libre á pasteira para continuar no seu actual emprazamento, na ría de Pontevedra, até o ano 2073.  O conflito pola continuidade de Ence en Pontevedra entra nunha nova fase coa resolución xudicial de hoxe.

A sala quinta do contencioso administrativo do Tribunal Supremo aceptou o recurso de Ence contra a sentenza da Audiencia Nacional de 16 de xullo de 2021, que declaraba nula a prórroga concedida á pasteira en 2016 polo Goberno español en funcións de Mariano Raxoi para se manter na ría de Pontevedra até 2073 e consideraba ilegal o seu emprazamento. O auto, non apoiado por todos os maxistrados presentes na sesión, conta cun voto particular en contra por parte da xuíza progresista Angeles Huet de Sande.

A resolución considera que “se poden prorrogar as concesións anteriores á Lei xeral de costas de 1988, como é o caso, sempre que consten informes ambientais favorábeis”, resaltando que “no asunto analizado, constaban informes favorábeis da Administración nesa materia”. Neste sentido, fai referencia aos relatorios elaborados polo Goberno galego, que en todo o proceso apoiou as pretensións de Ence. A sentenza a favor da continuidade da pasteira na ría de Pontevedra adoptouse na mesma sesión en que o alto tribunal acordou o derrubo de varias vivendas emprazadas na zona de dominio público marítimo terrestre de Guardamar (Alacant, País Valencià). Neste sentido, o órgano xudicial apunta que “noutros recursos analizados na reunión de hoxe, tamén relativos á prórroga de concesións de dominio público marítimo terrestre pero referentes a vivendas”, acordouse “denegar a prórroga porque neses casos a denegación viña amparada con informes ambientais desfavorábeis”. 

A nova fase do conflito 

O conflito pola continuidade de Ence en Pontevedra entra nunha nova fase coa resolución xudicial de hoxe. Se o auto da Audiencia Nacional de xullo de 2021 foi recorrido pola pasteira, a sentenza do Tribunal Supremo será impugnado unha vez coñecido na súa totalidade polos equipos xurídicos do Concello de Pontevedra, da Asociación para a Defensa da Ría de Pontevedra e, con toda probabilidade, do colectivo Greenpeace.

A instancia xudicial onde se librará o vindeiro capítulo desta loita está aínda por determinar a falta de coñecer o contido da sentenza do Tribunal Supremo. Segundo puido coñecer Nós Diario de fontes do Goberno municipal de Pontevedra, “sen saber con precisión o alcance da resolución non é posíbel determinar se o recurso debe ir dirixido ao Tribunal Constitucional, volver á Audiencia Nacional, no caso de que o auto só afecte  unha parte do procedemento, ou formularse directamente ao Tribunal Superior de Xustiza da Unión Europea. Pero recurso vaino haber si ou si”.

A batalla pola saída da pasteira da ría de Pontevedra librarase nos próximos anos, esencialmente, na esfera social e política. Nesta dirección, vai resultar chave a correlación de forzas no plano institucional no Concello de Pontevedra, na Xunta da Galiza e no Executivo do Estado

O poder de Ence

A sentenza evidencia o poder de Ence a súa capacidade para condicionar as decisións de diferentes institucións. A compañía ten como presidente de honra e primeiro accionista -con arredor de 30% do capital- a Juan Luís Arregui Ciársolo, unha das primeiras fortunas do Estado e representante destacado da burguesía de Neguri (Guetxo). Fundador e presidente de Gamesa e primeiro accionista individual e ex vicepresidente de Iberdrola, a súa traxectoria empresarial desenvolveuse ao calor das conexións políticas.

José Ignacio Comenge Sánchez-Real e Victor Urrutia Vallejo son os outros dous accionistas de referencia da pasteira. O primeiro, titular de 6,4% das participacións, esta considerado por Forbes como a 79 persoa máis rica do Estado, sendo significativo o seu paquete accionarial en compañías como Coca-Cola European Partners (CCEP) e na alimentaria Ebro Foods. O segundo, propietario de 6,3% do capital, é a primeira fortuna de Araba, é participa en negocios no sector enerxético e vitivinícola, após deprenderse da súa participación no grupo de comunicación Vocento.

O rei emérito, Juan Carlos de Borbón, foi accionista de Ence

Ence contou no pasado con outros accionistas destacados. Un deles foi o rei emérito Juan Carlos de Borbón, que xa en 2006 mediou en Arxentina e Uruguai a favor da compañía para erguer unha fábrica de celulosa en Uruguai, que finalmente non foi adiaNte. Porén, a confirmación da súa presenza no capital da empresa chegou en 2020, cando no marco da investigación do seu patrimonio agochado apareceron anotacións de investimentos en determinadas empresas. Así, en novembro de 2020 o dixital El Confidencial certificou que “o rei emérito foi accionista durante case dúas décadas de Ence, BBVA, Santander, Iberdrola, ACS, Abertis, Endesa, Acciona e Repsol”.  

A influencia política

A influencia política da pasteira é de lonxe coñecida. Neste sentido, a compañía conseguiu no ano 2012 que o Gabinete presidido por Mariano Raxoi modificara a Lei de costas de 1988, co obxectivo de poder continuar instalada ao carón da ría de Pontevedra. Na mesma dirección, catro anos máis tarde, veuse favorecida polo mesmo Executivo de Raxoi, nesta ocasión en funcións, cunha prorroga para manter a súa actividade até 2073. Ao tempo, as pegadas da empresa pódense seguir, en opinións dos colectivos ecoloxistas e das forzas da oposición parlamentaria, na política forestal da Xunta da Galiza.

As vellas conexións políticas entre Ence e o Partido Popular

As  conexións de Ence co Partido Popular veñen de lonxe, até o punto de ser considerada a empresa como un caso paradigmático de portas xiratorias no conxunto do Estado español. Así, na súa dirección ocuparon ou ocupan responsabilidades, entre outros, Carlos del Álamo, conselleiro de Medio Ambiente con Manuel Fraga Iribarne entre 1997 e 2003 e director xeral de Montes e Medio Natural da Xunta da Galiza desde 1990 a 1996; Pascual Fernández Martínez, secretario de Estado de Costas con José María Aznar e con Jaume Matas como ministro; Pedro Barato Triguero, máximo responsábel durante anos da Asociación de Jóvenes Agricultores (ASAJA), a organización agraria vinculada ao Partido Popular; Fernando Abril Martorell, fillo do político franquista do mesmo nome e antigo conselleiro delegado de Prisa, ou Isabel Tocino.

Tocino, ministra de Medio Ambiente do primeiro Goberno de Aznar, foi a encargada de planificar a venda de Ence. Procedente profesionalmente da patronal da enerxía nuclear, membro significado do Opus Dei, antiga presidenta da Asociación Democrática Conservadora, organización de mulleres do partido de Fraga, deputada de Alianza Popular e do Partido Popular entre 1986 e 2000, favorita de Manuel Fraga no proceso de sucesión na dereita que remata coa elección de José María Aznar, fai parte actualmente do Consello de Estado e integra diversos consellos de administración, polos que en 2017 -último ano do que se teñen datos- recibiu remuneracións por un monto de 702.000 euros. Neste caso, trátase dunha persoa próxima Patricia Botín.