Ence dispárase en bolsa após a resolución do Supremo: as súas accións soben 26%

Unha mariscadora diante de Ence. (Foto: Salvemos Monteferro)

Ence xa nota desde o primeiro momento os beneficios da decisión do Tribunal Supremo, que avala a súa continuidade na ría de Pontevedra.

Os títulos da pasteira aumentaron en 26%, até os 3,84 euros, un nivel que permitiu a Ence superar a súa resistencia a medio prazo, fixada en 3,20. 

O grupo estima que a continuidade da pasteira en Loiurizán terá un impacto positivo de 169 millóns no seu beneficio. A empresa provisionara 200 millóns para afrontar o posible desmantelamento.

A sección quinta da Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Supremo vén de estimar os recursos presentados por Ence e outras entidades contra as sentenzas da Audiencia Nacional que anulaban a prórroga, aprobada en 2016 polo Goberno que entón dirixía —en funcións— Mariano Raxoi, que determinaba a continuidade da factoría na ría de Pontevedra.

En concreto, a resolución, do 20 de xaneiro de 2016, outorgaba a Ence unha prórroga de 60 anos —concluiría en 2073— da concesión de ocupación dunha franxa de dominio público marítimo-terrestre destinada á fábrica de pasta de celulosa en Pontevedra.

A Sala informou de que considera que se poden prorrogar as concesións anteriores á Lei Xeral de Costas de 1988, como é o caso, "sempre que consten informes ambientais favorábeis". No asunto analizado, remarca, "constaban informes favorábeis da Administración nesa materia".