O alcalde de Pontevedra comprométese a seguir loitando para sacar Ence da ría

Miguel Anxo Fernández Lores nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

O Goberno municipal de Pontevedra "continuará pelexando" para "ver a ría sen Ence". Así o sinalou o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, nunha rolda de prensa de valoración da sentenza do Supremo, que resolveu a favor dos intereses da pasteira anulando os autos da Audiencia Nacional. 

Os opositores á pasteira anuncian máis mobilización social e novos recursos xudiciais.

A primeira valoración sobre a sentenza do Tribunal Supremo a favor de Ence procedeu da propia compañía. Neste sentido, o seu actual presidente, Ignacio Colmenares, expresou a súa “satisfacción” pola resolución xudicial e chamou a “seguir escoitando a voz de todos, respondendo as inquietudes da nosa contorna para, xuntos, ser capaces de visualizar todo o que achegamos a esta comunidade, así como de continuar avanzando e mellorando”. O directivo amosouse seguro de que a factoría vai formar parte " do futuro de Pontevedra e da Galiza".

Alfonso Rueda

As palabras do mandatario galego, Alfonso Rueda, situáronse na mesma dirección. Nesta caso, apuntou que o auto xudicial “é a vitoria de moitas, moitas familias que van poder seguir vivindo e traballando en Pontevedra e na Galiza. Gaña a sensatez e gaña a legalidade. Despois de moitos meses de incerteza, os postos de traballo quedan asegurados na nosa comunidade”. Nunha liña semellante, manifestouse o portavoz do PP en Pontevedra, Rafael Domínguez, quen se declarou estar “moi contento polos centos de familias de Pontevedra que seguirán traballando na miña cidade”.

Comisións Obreiras

Comisións Obreiras, a organización sindical máis activa en defensa do actual emprazamento da factoría, analizou “positivamente a decisión do Tribunal Supremo que estima o recurso de Ence e outras entidades contra as sentenzas da Audiencia Nacional que anulou a resolución, que outorgou a Ence unha prórroga de 60 anos da concesión de ocupación dunha franxa de dominio público marítimo terrestre destinada á fábrica de pasta de celulosa en Pontevedra”.

O movemento ecoloxista

As entidades ecoloxistas que promoveron o recurso contra Audiencia Nacional amosaron o seu rexeitamento á sentenza. Así, o presidente da Asociación para a Defensa da Ría de Pontevedra, Antón Masa, cualificou a decisión “como mínimo irregular” e adiantou a disposición do seu colectivo de seguir “na loita social e xudicial para o feche da planta”. Asemade, Greenpeace considera que “esta sentenza non permitirá que se libere o dominio público marítimo-terrestre da ría de Pontevedra dunha actividade altamente lesiva e que resulta incompatíbel coa Lei de costas”.

Miguel Lores

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, recoñeceu que a batalla entre o concello e Ence “foi sempre unha loita desigual”, após sinalar “que levamos moitos anos nesta loita e sabiamos que un concello, aínda sendo unha capital de provincia, xunto coa súa veciñanza, pelexando primeiro contra o Estado e logo contra o gran capital” non deixaba de estar nunha loita desigual. Lores afirmou que “a sorpresa” pola resolución xudicial “segue a ser grande”, tras apuntar que, "poderoso cabaleiro é don Diñeiro, tal e como diría Quevedo ou cantaría Paco Ibáñez”. A este respecto, indicou que “a sentenza é un agravio comparativo para todos os empresarios que cumpren coa lexislación vixente e non reciben prebendas”.

O rexedor nacionalista asegurou que “nunca deixarei de loitar por todas as vías posíbeis, terra, mar e aire; con mobilización social, con loita xudicial... co fin de ver cumprido o soño que ten a maioría dos pontevedreses, que é ver a ría sen Ence, para vela recuperada e pola en valor en toda a súa extensión como espazo natural, ademais de como un elemento de futuro”.

Ana Pontón

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, manifestouse nuns termos análogos a Lores. Así, aseverou que “esta sentenza será recordada por inxusta e inexplicábel menos para aqueles que se benefician das portas xiratorias sentándose no consello de administración de Ence con salarios millonarios; esta sentenza será recordada por inxusta e inexplicábel salvo para aqueles que consideran que se poden espoliar os recursos da Galiza”.

Cambio de posición do PSdeG

As declaracións dos dirixentes do PSdeG a nivel galego e pontevedrés marcan distancia cos seus antecesores. O candidato socialista á Alcaldía de Pontevedra, Iván Pontes, apostou onte por “tentar acompasar e facer compatíbel a resolución do Supremo coa rexeneración da ría de Pontevedra”. Asemade, o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, chamou a “pasar páxina e mirar para o futuro” centrados na continuidade dos postos de traballo.